Site icon Crónica3.com A Mariña

Os servizos de emerxencias rescataron a catro persoas tras caer á auga co seu vehículo na praia da Rapadoira en Foz

Catro persoas foron rescatadas na mañá deste domingo 19 de abril tras caer á auga o vehículo no que viaxaban na praia da Rapadoira, no concello de Foz. Trala caída, as persoas puideron saír do coche polos seus propios medios e atopábanse nun illote e nuns cantís, segundo confirmaron os servizos de emerxencias.

O helicóptero Pesca II do Servizo Gardacostas de Galicia encargouse do rescate de dous rapaces, mentres que as outras dúas persoas foron auxiliadas polos efectivos do parque comarcal de Barreiros. O coche, que quedou totalmente sumerxido na auga, derribara o muro de contención do paseo marítimo, polo que os efectivos de Protección Civil tiveron que acordoar a zona do accidente e asegurala.

Un particular deu a alerta ao 112 Galicia minutos antes das 04.25 horas da madrugada e indicou que oía berros na zona de cantís da praia. De seguido, o persoal do 112 Galicia puxo en marcha un operativo de rescate no que participaron Salvamento Marítimo, Garda Civil de Tráfico, GES de Cervo, Bombeiros de Barreiros e Protección Civil de Foz. Ademais, ata o punto desprazouse Urxencias Médicas.

Exit mobile version