Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas instan a Feijóo a “pedir perdón” por ter reactivado as plantas acuícolas de Rinlo e Touriñán declaradas ilegais polo Supremo

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2015.- O deputado socialista Francisco Caamaño reclamoulle ao presidente da Xunta a “pedir perdón” por ter reactivado as plantas acuícolas de Rinlo e Touriñán. Caamaño presentou unha pregunta na Comisión de Pesca do Parlamento logo das sentenzas do Tribunal Supremo que declararon as plantas ilegais e obrigaron a pagar ás empresas un total de 1,8 millóns de euros.

O responsable socialista denunciou o “capricho” de Feijóo, coas plantas, que foron aprobadas sen proxecto de avaliación medioambiental dentro do Plan Acuícola do goberno de Fraga, con el mesmo como vicepresidente, incumprindo os requisitos necesarios para a súa instalación en Rede Natura.

As plantas foron posteriormente paralizadas polo goberno de Touriño, despois reactivadas por Feijóo como presidente e finalmente declaradas ilegais polo Supremo precisamente por incumprir os requisitos medioambientais necesarios.

A secuencia de feitos demostra, dixo, que “foron ilegais a elaboración do plan por parte de Fraga como a decisión de Feijóo de reactivalo, e foi legal a decisión de Touriño de paralizalo por estar feito sen avaliación de impacto medioambiental”. A “broma”, dixo, supuxo o pago de 690.000 euros a Acuinor –propiedade do curmán de Álvarez Cascos- pola planta de Rinlo e 1,1 millóns á filial de Pescanova Insuíña pola de Touriñán.

Caamaño lembrou que polo camiño o propio Feijóo paralizou as plantas acuícolas proxectadas en Muxía, Malpica e Camariñas polo goberno presidido polo PSdeG, que si eran legais, deixando á Costa da Morte sen Plan Acuícola nin 1.500 postos de traballo prometidos.

Exit mobile version