Site icon Crónica3.com A Mariña

Penabad adquire o compromiso de impulsar o arranxo das estradas de Vilela e de Porto a Trabada tras 12 anos de incumprimentos do alcalde e da Deputación

VilelaRibadeo, 23 de abril de 2015.- O candidato do Partido Popular á alcaldía de Ribadeo, Jesús López Penabad, adquire o firme compromiso de impulsar o arranxo da estrada de Vilela e da travesía que comunica dende Porto ata Trabada.

O candidato popular é coñecedor da importancia destas infraestruturas viarias cuxa petición de arranxo se converteu na principal reivindicación transmitida polos veciños durante as reunións que o Partido Popular mantivo nas parroquias.

“Estamos ante doce anos de incumprimentos do alcalde e da Deputación, que amosaron a súa falta de vontade e incapacidade para atender a unhas das principais peticións dos veciños das parroquias, pese ás peticións trasladadas polo Partido Popular a través dos medios dos que dispuxo ata agora”, asegurou Penabad.

A estrada de Vilela é a principal entrada a Ribadeo pola zona do rural, e presenta moi mal estado dende a ponte do tren ata a rúa Deputación “con necesidade de mellora no firme, moi estreita na zona da ponte, e sen beirarrúas na zona urbana”.

Mentres, a estrada do Porto a Trabada (LU-P-5203; LU-P-5204 e LU-P-5205) é a travesía que vertebra as parroquias do interior de Ribadeo (Arante, Cedofeita, Santalla de Vilausende e Couxela). Require dunha reforma integral do firme, “sendo insuficiente que se atendan aos baches máis profundos”.

O candidato popular di que Suárez Barcia suspende polo mal estado que presenta a rede viaria ribadense e fracasou tras amosarse incapaz de demandar da Deputación de Lugo (titular das vías, e con goberno nacionalista e socialista), que se atenda a esta reivindicación veciñal.

Polo tanto, Penabad di que se goberna impulsará a adecuación destas dúas infraestruturas viarias, dando así resposta a unha das principais demandas dos veciños das parroquias de Ribadeo.

Exit mobile version