Site icon Crónica3.com A Mariña

Pérez Herraiz advirte que os 1.500 parados menores de 25 anos da provincia de Lugo poden quedar á marxe da “Rede de Oficinas de Emprego Xove”

Madrid, 23 de abril de 2015.- A deputada socialista por Lugo Margarita Pérez Herraiz rexistrou no Congreso unha iniciativa coa que advirte que “a situación da Cámara de Comercio de Lugo pode provocar que os case 1.500 parados menores de 25 anos da provincia de Lugo queden á marxe de iniciativas de emprego do Plan de Garantía Xuvenil”. No caso da cidade de Lugo, apunta que o número deste tipo de parados se sitúa ao redor de 600 (*).

Pérez Herraiz explica que o Ministerio de Emprego e da Seguridade Social puxo en marcha unha iniciativa denominada “rede de oficinas de emprego novo” para facilitar a inscrición e o seguimento de mozos con idades comprendidas entre os 16 e 24 anos no Plan de Garantía Xuvenil; un programa que se financia con fondos europeos.

A este respecto, sinala que “o Ministerio desenvolve esta iniciativa en colaboración coas Cámaras de Comercio” e lamenta que “como a Cámara de Comercio de Lugo está practicamente inoperativa dende o mes de setembro pola dimisión da súa xunta directiva, os mozos parados da provincia de Lugo corren o risco de non poder acceder a esta rede do Plan de Garantía Xuvenil”.

Recorda a deputada socialista que “se trata dun Plan polo que os mozos menores de 25 anos que non estean a estudar e carezan de emprego poderán acceder a un emprego axeitado á súa formación ou a unha proposta de educación continua”. “Non obstante -reprocha- os parados novos da provincia non poderán gozar desta posibilidade se non se corrixe a situación pola que atravesa a Cámara de Comercio de Lugo ou se habilita unha alternativa”

Por iso, pide no Congreso “que o Goberno busque alternativas para os casos nos que non poida desenvolverse esta iniciativa en colaboración coas Cámaras de Comercio”. De non o facer, reclama que “o Goberno deberá compensar a discriminación na que estarán os 1.500 parados de menos de 25 anos da provincia de Lugo”.

Exit mobile version