Site icon Crónica3.com A Mariña

Pérez Herraiz defende a inclusión da Xestión de Casos na carteira de servizos do SNS para garantir un mellor servizo á cidadanía

perez-herraizLUGO, 1 DE ABRIL DE 2015.- A deputada socialista, -Margarita Pérez Herraiz-, anunciou que o Grupo Parlamentario Socialista ven de presentar no Congreso unha Proposición Non de Lei sobre a Xestión de Casos. Con este documento os socialistas instan ao Goberno a propoñer ao Consello Interterritorial do Servizo Nacional de Saúde que, despois de avaliar a eficiencia e efectividade, o impacto económico e organizativo da actividade das enfermeiras xestoras de casos, valore a inclusión de dito procedemento na carteira de servizos do SNS. Así o anunciou nunha rolda de prensa na que tamén participou -Lourdes Bermello-, Presidenta do Colexio de Enfermería de Lugo.

Segundo explicou Pérez Herraiz, “para acadar a calidade que se busca no SNS e a súa transformación cara un modelo mellor preparado para a prevención e xestión das condicións de saúde crónicas descrita na Estratexia para a Abordaxe da Cronicidade”, os socialistas “consideramos que sería moi útil a incorporación da actividade denominada como Xestión de Casos, co que se estendería esta función a todo o SNS e se definirían e homologarían as súas funcións para o mellor servizo ao conxunto da cidadanía”.

Satisfacer as necesidades dos pacientes
A función destes profesionais implicaría un completo proceso de colaboración no que se valoran, planifican, aplican, coordinan, monitorizan e avalían as opcións e servizos necesarios para satisfacer as necesidades de saúde dunha persoa, articulando a comunicación e o acceso aos recursos dispoñibles para promover resultados coste-efectivos.

A xestión dos casos é un proceso dirixido a recoller a información específica sobre as necesidades concretas dos usuarios, identificar os seus problemas, deseñar un plan de intervención e coordinar as actividades cos profesionais e familiares implicados. Neste senso, o profesional de enfermería velaría para que o paciente alcance os obxectivos marcados no seu plan asistencial coordinándose con diferentes profesionais e mobilizando os recursos necesarios garantido unha atención integral e continuada que resolva as necesidades de coidados.

A poboación beneficiada do seu traballo son: persoas con procesos crónicos incapacitantes, con procesos pluripatolóxicos, que precisen coidados paliativos, que precise continuidade de coidados tras a alta hospitalaria, coidadoras familiares e persoas atendidas en institucións residenciais.

Maior seguridade para as familias
A deputada socialista explicou que “este procedemento diminúe a presión hospitalaria, as visitas a urxencias e aporta unha maior seguridade ás familias”. En definitiva, Pérez Herraiz indicou que “a transformación cara un modelo mellor preparado para afrontar a prevención e xestión das condicións de saúde crónicas é imprescindible si se pretende que o SNS sexa sostible e poida seguir cumprindo a súa función social de forma satisfactoria” e engadiu “ unha medida que non incorpora custos, máis eficiente para os enfermos e as familias”. Neste senso coincidiu a presidenta do Colexio de Enfermería, quen afirmou que ”defendemos e consideramos que esta figura axudaría a xestionar moito mellor os recursos do sistema sanitario xa que evitaría a duplicidade de técnicas, o uso dos servizos de urxencias ao acudir a profesionais de enfermería expertos en xestionar estes casos”.

Confusión entre os profesionais
En materia sanitaria, tamén anunciou que solicitará ao Goberno de Rajoy que aclare as dúbidas que podería suscitar o proxecto do Real Decreto polo que se establece o título de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería e fixa as súas ensinanzas mínimas.

A este respecto, Pérez Herraiz solicitou ao goberno que teña en conta as alegacións realizadas pola Mesa da Profesión Enfermería o antedito proxecto. Un proxecto, que segundo explicou a deputada, “xera unha enorme confusión respecto ás responsabilidades dos profesionais Diplomados en Enfermería e suprime a dependencia que os Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermería tiñan respecto aos diplomados”. Neste senso, insta ao Goberno a valorar se esta alteración normativa sería axustada a dereito e se é realmente necesaria para o sistema.

Para a socialista os cambios previstos poderían “repercutir na calidade dos coidados e na seguridade dos pacientes, e ademais, xerar unha innecesaria conflitividade laboral” ao modificar a Lei de Ordenación das Profesións Sanitarias polas que se diferencian claramente as actividades dos profesionais sanitarios da área de formación profesional dos que contan cun título universitario.

Lourdes Bermejo reclamou a necesidade de modificar o proxecto presentado ao invadir as competencias dos enfermeiros e enfermeiras. “O Goberno non é consciente e non analizou a necesidade de realizar o cambio pero ao noso entender non avaliou o impacto que terá na calidade asistencial dos pacientes” e engadiu que “o que nos tememos ante a falta de xustificación para o cambio é que sexa unha maneira de recortar máis recursos do noso sistema sanitario e mermar así calidade asistencial”.

Exit mobile version