Site icon Crónica3.com A Mariña

Preséntase o IV “Memorial Rodrigo Maseda Lozano”

presentacion-memorial15Xoves 30 de abril de 2015.- A Fundación Imdecum (Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña) presentou na mañá deste xoves en Burela a cuarta edición do Torneo de Fútbol Sala Base ‘Memorial Rodrigo Maseda Lozano’, que regresará á axenda deportiva da bisbarra entre o 2 e o 5 de xullo para reunir o mellor fútbol sala de base do panorama nacional, en lembraza do policía de Burela falecido en 2012 nun rescate na praia coruñesa do Orzán.

O salón de plenos do consistorio acolleu o acto, no que o presidente da fundación, Marcelino Luna, e o alcalde de Burela, José María González Barcia, tiveron o privilexio de estar acompañados pola nai do homenaxeado, Isabel Lozano. A presentación tamén contou coa presenza do concelleiro de Deportes de Foz, Ángel Paleo, e da edil de Servizos Sociais de Cervo, Pilar Armada, municipios tamén colaboradores na cita, xunto a Xove e Viveiro, ademais do director técnico deportivo de Imdecum, Alfonso Mera.

Marcelino Luna amosou a satisfacción de Imdecum polo crecemento que está a experimentar o Memorial dende o seu nacemento, tanto entre os seus destinatarios coma na incidencia na Mariña: “Atendendo ás demandas dos participantes, este ano ampliamos a competición coa categoría prebenxamín e estreamos a sede de Viveiro, para poder acoller toda a competición, que tamén terá un día máis; estamos seguros que a Rodrigo lle gustaría moito esta nova localización, nunha vila na que el traballou. Xa amosaron o seu interese clubs de Murcia, Castela e León, Madrid, Asturias e de todas as provincias galegas; este verán o Memorial traerá á bisbarra máis de 500 rapaces coas súas familias” adiantaba así o presidente a axenda do torneo en 2015, incidindo no agradecemento á familia Maseda pola “amabilidade de brindarnos o legado de Rodrigo, un exemplo para a xuventude de antes, de agora e de sempre”.

José María González Barcia felicitou a Imdecum pola evolución do Memorial, que medra edición tras edición, cunha notable repercusión na vida turística da Mariña. “Dou a miña noraboa á Fundación polo desenvolvemento do torneo, é o mellor xeito de recordar a Rodrigo, cunha competición que é exemplo de superación, compañeirismo, esforzo, colaboración, hábitos saudables…, de todo o que representaba Rodrigo”.

Isabel Lozano pechou o acto agradecendo a iniciativa de Imdecum e amosouse moi contenta pola boa acollida do Memorial entre a xuventude. “Alégrame que unha cita que ano tras ano ten mellor resposta entre os nenos/as lembre o meu fillo; el estaría moi orgulloso de ser un modelo para os centos de rapaces/as de toda España que se reúnen na Mariña arredor do deporte e de que isto sirva para que a comarca sexa cada vez máis coñecida”.

Inscrición aberta ata o 5 de xuño
Ata o venres 5 de xuño os equipos que así o desexen poderán formalizar a súa inscrición para o Memorial. Ao longo de tres xornadas coma en edicións anteriores, a bisbarra acollerá a ilusión futbolística das categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, nos pavillóns municipais de Viveiro e Xove, A Veiga (San Cibrao), Marzán (Foz) e Monte Castelo e Vista Alegre (Burela).

Durante o torneo e coincidindo co grande ambiente da Festa Castrexa en Burela, a organización tamén lles ofrecerá aos rapaces/as unha programación lúdico-deportiva complementaria, con inchables, e visitas guiadas ao barco-museo Reina del Carmen de Burela e o Museo do Mar de San Cibrao, ademais de ter a posibilidade de usar as instalacións de Activity Center e do complexo deportivo da Marosa, na vila burelense.

Exit mobile version