Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acolle unha charla sobre o alzhéimer da man de FAGAL e a Fundación Barrié

Santiago, 17 de abril de 2015.- A Fonsagrada, Ribadeo, Meira e Becerreá son as catro localidades lucenses nas que nos próximos días terán lugar as primeiras charlas informativas programadas pola Fundación Barrié e FAGAL (Federación de Asociacións de Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias) no marco do Programa Rede Paraguas Alzheimer.

O Programa Rede Paraguas Alzheimer foi creado por ambas entidades en 2013 co fin de: fomentar a capacitación e mellorar a calidade de vida das familias coidadoras de familiares con algunha demencia no rural galego; reforzar a solidariedade entre os membros das familias mediante o achegamento dos mozos á realidade das persoas maiores; e aliviar a presión das familias coidadoras e axudalas directamente a manterse nos programas de estimulación necesarios para evitar o seu illamento e a merma da súa calidade de vida.

O pasado mes de febreiro FAGAL e a Fundación Barrié renovaron a súa colaboración co obxectivo de ofrecer en 2015 charlas informativas familiar en 25 comarcas ruraios galegas, unidades de memoria nas comarcas de Betanzos, Noia, Deza, Terra Chá e O Carballiño, e accións divulgativas (proxeccións e charlas) a escolares de Educación Secundaria.

As charlas xa programada, impartidas por profesionais de AFALU, farán un percorrido polas causas que levan a sufrir a demencia, así como os síntomas iniciais que se mostran nas persoas afectadas, como a perda de memoria ou a desorientación. Así mesmo, a evolución e as etapas da enfermidade tamén serán unha parte importante da actividade, xa que a charla está dirixida tanto a persoas que sofren os efectos de ter un familiar con alzhéimer como aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre esta enfermidade que se estima que afecta en Galicia a unhas 96.000 persoas.

A primeira charla terá lugar na Fonsagrada o vindeiro luns, 20 de abril, no Salón de Actos Municipal a partir das 17.00 horas. O mércores 22 tócalle a quenda a Ribadeo, concretamente no Salón de Actos da Casa do Mar á mesma hora. A seguinte semana, as charlas trasládanse ás localidades de Meira e Becerreá, os días 27 e 29 de abril. Na primeira delas, a actividade terá lugar no Salón de Actos do Centro Sociocultural a partir das 17.00 horas, mentres que na localidade da comarca dos Ancares a charla adiántase ás 16.30 horas no Centro de Servizos Sociais. Todas estas charlas son abertas ao público e sen inscrición previa.

Exit mobile version