Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo duplica a media galega e española na recollida de vidro e envases no 2014

Ribadeo, 27 de abril de 2015. Ribadeo duplicou en 2014 as medias de Galicia e de España en recollida de vidro e de envases, polo que Horacio Cupeiro, concelleiro de Medio Ambiente, subliña que os ribadenses lle dan un trato notable aos seus residuos. Ademais en Ribadeo recolléronse o pasado ano máis de catro millóns de quilos de lixo e 197.000 quilos de papel.

O edil nacionalista dixo que “unha vez máis os ribadenses dan un trato notable aos seus residuos, aínda que loxicamente nisto nunca é suficiente. Acabamos de coñecer os resultados de Ecovidrio e de Ecoembes de 2014 e Ribadeo duplica tanto á media galega coma á media española. En Galicia recóllense de media 14,2 quilos de vidro por habitante e ano, en España 14,8 quilos e en Ribadeo recollemos o dobre: 28,71 quilos por habitante e ano”.

Cupeiro indicou que “no caso do contedor amarelo en Ribadeo recollemos 25,66 quilos por habitante e ano, fronte aos 11,7 quilos de media en España e aos 12,7 quilos de media en Galicia”. O concelleiro de Medio Ambiente pediu “á cidadanía que sexa un pouco máis severa á hora de botar residuos no contedor amarelo, xa que deberíamos estar por debaixo do 30% de impropios e estamos no 33,51%”. O edil lembrou que “durante bastante tempo estivemos no 28%. Iso quere dicir que se están deixando neses contedores cousas que deberían ir a outros recipientes”.

Horacio Cupeiro contou que “en 2014 no contedor verde recollemos 4.214.300 quilos de residuos e de papel-cartón 197.952 quilos. Detectamos un descenso na reciclaxe de vidro dun 7,32% con respecto a 2013 e no caso dos envases tamén descendeu nun 0,81%. E en papel-cartón rexistrouse un incremento do 1,62%, o que indica que houbo unha leve recuperación do consumo”.

O concelleiro de Medio Ambiente felicitou “a todas aquelas persoas que reciclan o lixo e o depositan nos contedores habilitados para ese fin. E lembrarlles aos que non o fan que a súa responsabilidade é seleccionar os residuos que xeran e depositalos no lugar adecuado”.

Exit mobile version