Site icon Crónica3.com A Mariña

Suso, quenta que saes

Se alguén tiña que responder ao órdago lanzado polo BNG hai unas semanas, cando presentou a súa candidatura para as municipais, ese tiña que ser o Partido Popular de Ribadeo. A única formación á que se lle pode atribuír unha certa oposición non dubidou á hora de amosar que, catro anos despois, segue a estela do partido no goberno local.

Abandeirados cos investimentos da Xunta na localidade, os Populares fixaron a presentación para o pasado martes 31 de marzo no salón do hotel O Cabazo. Unha presentación que partía cun cartel máis amplo do que finalmente se puido ver. Durante a semana, dende o PP informárase que ao acto asistirían Xose Manuel Barreiro, presidente provincial da formación, Jose Manuel Balseiro, secretario provincial, Raquel Arias, delegada provincial e Elena Candida, portavoz provincial. Finalmente só o portavoz do PP no Senado, Xose Manuel Barreiro, tomou a palabra para acaparar a maioría de minutos da hora que durou o evento.

En fin, que un abarrotado salón do mencionado hotel presenciou como Jesús López Penabad poñía nome e orde aos integrantes da súa lista. Entre aplausos –incluido un ‘vamos Suso’ ao pronunciar ao seu nome– os candidatos foron desfilando cara a mesa que presidía a habitación. Nomes de homes (12) e de mulleres (9); de Ribadeo vila e do resto das parroquias para aspirar a “gobernar en Ribadeo”.

Se o protagonismo fotográfico foi para os membros da lista, o protagonismo discursivo recaeu de xeito íntegro na figura de Xose Manuel Barreiro. Este, unha vez coñecidas as caras da candidatura, ergueuse co obxectivo de demandar o voto a tódolos recunchos do salón. Na súa intervención, o portavoz do PP no Senado apelou á xestión dos gobernos de Rajoy e Feijóo para saír da crise. Unha crise que, admitiu, “moitos esteamos sufrindo” pero que, na súa opinión, está chegando ao seu fin grazas á austeridade de ámbolos dous gobernos. Palabra, ‘austeridade’, non empregada polo político, todo sexa dito.

Neste discurso –que cheiraba a mitin xenérico de plena campaña, deses que tanto valen para Ribadeo, Foz ou para Quiroga– o presidente provincial do PP rememorou que a vila viviu xa experiencias cos tres partidos ‘tradicionais’. Sen recordar aqueles fitos máis salientables dos gobernos do seu partido, Barreiro invitou aos asistentes a facer un exercicio de memoria interna para entender por que o PP sería a mellor opción –sinal de que el, tal vez, tampouco vía moitas diferencias entre os gobernos de Ribadeo, Foz ou Quiroga–. Ademais, definiu a López Penabad coma unha persoa “seria, honrada e traballadora”; adxectivos positivos, si, pero que seguían aderidos á plantilla sobre a que parecía que se confeccionara o discurso.

Barreiro tamén intentou persuadir aos electores para que non optasen por ningunha das forzas políticas emerxentes. Sen nombrar a Podemos e a Cidadáns, o político referiuse por unha banda, a “eses que defenden uns postulados que, onde se aplican, a xente non vive ben” e, por outra banda, “outros que teñen un líder carismático e unha boa estratexia de comunicación”. Con estas afirmacións, o PP deixaba clara a súa primeira opción no caso de necesitar un pacto de goberno. Porque pensar nuns resultados cunha maioría absoluta dista moito dos escenarios posibles tralos comicios.

Iso si, no que se supuña unha loa á candidatura do PP, Barreiro dedicou bastante tempo en alertar de que o voto ‘cabreado’ non era a solución en política. Basicamente porque, atendendo ás súas palabras, enfadarse en política pode ter consecuencias moi graves. Porque, segundo o portavoz popular no Senado, cando alguén cambia o voto por enfadarse cun partido, as consecuencias pagámolas todos.

Quen firma este artigo cre que enfadarse cun partido é lexítimo. Tanto, coma que haxa opcións políticas de toda índole. De feito, tamén pensa o arriba firmante que un político aleccionando á poboación sobre o que debe ou non debe facer é repudiable. Iso é, falando rápido, dar por sentado que o electorado non ten un nivel de intelixencia mínimo para coñecer o que lle convén.

Ademais, falar de voto ‘cabreado’ cando o seu partido goberna no Estado con maioría absoluta grazas ao enfado causado pola crise, amosa unha completa falta de autocrítica. Sobre todo cando se apela a comparar entre a maioría absoluta de Fernando Suárez coas de Feijóo e Rajoy. O simpático é que en Ribadeo a comparativa da maioría absoluta local coas autonómica e estatal da bastante xogo. Un xogo que, en términos porcentuais, concedería ao goberno ribadense unha maior parte do pastel a repartir.

De tódolos xeitos, Barreiro falou e ninguén recolleu o testigo. No mellor dos casos por non armar boureo, no peor dos casos por plena comunión. Que cadaquén reflexione sobre os motivos. O que está claro é que ao PP ribadense quédalle unha longa campaña electoral para intentar reducir e incluso superar a distancia que o separa do BNG. A maioría absoluta semella un obxectivo moi lonxano, pero se Jesús López Penabad é o único que sobrevive á limpeza realizada nas filas populares será porque dende o PP cren que ten algo que aportar. Veremos canto. Suso, quenta que saes.

Fabián Pérez.

Exit mobile version