Site icon Crónica3.com A Mariña

Teresa González agradece a preocupación polos maiores amosada desde o PSOE, “algo que compartimos plenamente”

Ribadeo, 17 de abril de 2015.- A concelleira de Servizos Sociais, Teresa González Piñeiroa, agradece a preocupación polos maiores de Ribadeo amosada desde o PSOE e subliña que o hospital asilo está a vivir uns días de transición con cambio de dirección e varias baixas de persoal, “por este motivo non se cubriron as prazas libres existentes na actualidade”. Concello e hospital asilo reuniranse o luns para poñerse ao día e comezar a conceder novas entradas.

A edil nacionalista agradece “desde a Concellaría de Servizos Sociais e desde o Concello de Ribadeo a preocupación do alcaldable do PSOE polos nosos maiores, algo que compartimos plenamente. Nós estamos a pilotar o proxecto da nova residencia e o que queremos é o pleno benestar das persoas maiores de Ribadeo”.
Teresa González explicou que “na actualidade é certo que existe unha lista de agarda para entrar, tamén é certo que existen unhas prazas libres, pero quería aclarar por qué se produce esta situación. Estes días produciuse unha coincidencia: hai unhas baixas de persoal traballador desta residencia e ao mesmo tempo houbo un cambio na dirección do centro”.

A concelleira de Servizos Sociais dixo que “é ben sabido que o Concello ten responsabilidade e sufraga gastos do hospital asilo e ao mesmo tempo forma parte da comisión de seguimento das persoas maiores que entran. Pero a xestión é de carácter privado”.

González Piñeiroa seguiu a relatar que “neste momento vívese no centro un momento de transición e desde a dirección do hospital asilo se nos pediu que non se concedesen altas novas e así o fixemos desde o máximo respecto que lle debemos á boa xestión que se está levando adiante desde o centro. Consideramos conveniente apoiar esta petición. Nós avalamos, apoiamos, desexamos, queremos e sabemos que é moi importante o benestar das persoas maiores de Ribadeo, que precisan dunha nova residencia, pero que están a ser atendidas no hospital asilo”.

A concelleira de Servizos Sociais indicou que “levamos uns días sen cubrir esas baixas. Temos unha xuntanza concertada para o luns, 20 de abril, ás 10 da mañá coa dirección do centro para poñernos ao día e na semana seguinte tentar dar entrada aos novos usuarios, pero non por esa preocupación amosada desde outras formacións políticas, senón porque é a nosa forma de traballar e así o levamos facendo ao longo dos últimos anos e así seguirá. Boa proba diso é todo o apoio que se lle está a dar ao hospital asilo, as obras que alí se realizan, etc”.

Teresa González insistiu en que “queremos dar un servizo de calidade, consideramos que é moita a responsabilidade que temos para atender a estes usuarios como se merecen. Levan traballando toda a vida e merecen a mellor atención, de calidade”. E engadiu: “os maiores de Ribadeo cada vez entran con máis dependencia. Isto require maiores coidados e máis persoal. Si nestes días temos menos persoal e a dirección do centro cambiou é evidente por qué estes días tivemos sen cubrir esas prazas”.

Exit mobile version