Site icon Crónica3.com A Mariña

Veciños de Ribadeo propoñen ao candidato á alcaldía que inclúa no programa a reordenación tráfico na vila

asamblea-en-rutaRIBADEO, 13 DE ABRIL DE 2015.- Veciños de Ribadeo propuxeron ao candidato socialista á alcaldía -Roberto Ramos Piñeiro- que inclúa no programa para as eleccións municipais do 24 de maio a reordenación do tráfico na vila, debido aos problemas de circulación que hai frecuentemente nalgunhas rúas ribadenses. Deste xeito, esta foi unha das suxestións que lle fixeron durante a Asemblea Aberta en Ruta celebrada o pasado sábado dende o parque de San Francisco ata o paseo das Aceas, e que contou cunha trintena de participantes.

Outras propostas
Roberto Ramos explicou que os asistentes a esta actividade organizada polo PSdeG-PSOE local tamén fixeron outras propostas como a substitución por tarefas sociais das sancións económicas que se impoñen por determinadas infraccións ou a creación dun bono cultural para veciños con escaso poder adquisitivo. Ademais os participantes na ruta debateron sobre os principais asuntos que centrarán o programa de gobernabilidade dos socialistas, algúns dos cales xa avanzou o candidato á alcaldía na presentación da candidatura celebrada o pasado xoves. Trátase da adopción de medidas para reducir o número de desempregados no municipio, para mellorar a transparencia do Concello e para fomentar a participación cidadá.

Exit mobile version