Site icon Crónica3.com A Mariña

Veciños Independentes de Alfoz reúnense con membros do CEIP Castro de Ouro de Alfoz

alfozMembros de Veciños Independentes de Alfoz seguen a celebrar xuntanzas coa finalidade de escoitar de primeira man as demandas e necesidades dos representantes de diferentes colectivos.

Neste senso, a pasada semana realizouse unha reunión na que participaron Victoria López Rodil, Directora do CEIP Castro de Ouro e Fernanda Casabella Méndez, Presidenta da Ampa do mesmo centro, xunto cos representantes de VIA Xabier Pardiñas Suárez e Pablo Maseda Rubal, membro ó mesmo tempo do Consello Escolar do centro.

As representantes do centro defenderon tanto a calidade do cadro docente existente como o nivel acadado polos alumnos, a pesar do descenso de alumnado, mostrando gran preocupación pola perda de poboación que está sufrindo Alfoz. Ademais destacaron que o centro conta cun servizo de comedor propio de calidade utilizado actualmente por todos os alumnos.

En canto ás necesidades actuais do CEIP Castro de Ouro, tamén se comentou que as diferentes administracións deben traballar en colaboración co centro para intentar mellorar aquelas instalacións que se consideren deficitarias. Outro dos temas tratados foi a necesidade de promover un fondo de emerxencia social para aquelas familias máis necesitadas, coa intención de axudalas tanto na adquisición de libros de texto como do resto do material escolar necesario.

Á parte de apostar polo asentamento de poboación no concello, desde Veciños Independentes de Alfoz considerase que se deben realizar accións que garantan a continuidade deste centro así como dos servizos ofrecidos, mellorando aqueles que sexan deficitarios, pois a transmisión de coñecementos, costumes e valores ás novas xeracións é o primeiro paso para garantir o futuro de Alfoz.

Nas próximas semanas desde Veciños Independentes de Alfoz seguiranse desenvolvendo encontros con colectivos empresariais, veciñais e sociais co fin de recoller suxestións para poder elaborar un programa electoral no que participen de xeito activo os veciños e as veciñas de Alfoz.

Exit mobile version