Site icon Crónica3.com A Mariña

Volven en Ribadeo os ‘Domingos a pé’ o 19 de abril cun percorrido pola costa de Foz

Ribadeo, 17 de abril de 2015. O 19 de abril terá lugar unha nova edición dos Domingos a pé. A primeira saída deste ano será un percorrido pola costa de Foz. Esta actividade está organizada polo CIM e pola Concellaría de Igualdade.

A edil Mariluz Álvarez Lastra dixo que “xa son nove anos os que levamos organizando actividades para promover unha saúde integral das mulleres e fomentar un tempo libre, un espazo de ocio para todas elas”.

As asistentes a esta nova ruta sairán ás 11:15 horas da estación do tren de Ribadeo “para pasar unha xornada de ocio entre mulleres, para compartir con outras veciñas e amigas as nosas inquedanzas, para evadirnos das tarefas diarias cotiás, e para facer exercicio”.

Xornadas de violencia de xénero
Desde a Concellaría de Igualdade lembran que ata o 23 de abril está aberto o prazo de inscrición nas VIII Xornadas de abordaxe integral de violencia de xénero no ámbito local, que versarán sobre Violencias sociais, mulleres precarias, mulleres á deriva. A cita terá lugar os días 24 e 25 de abril no Teatro, en Ribadeo.

Nesta edición abordaranse aspectos como: A violencia de xénero nos adolescentes. Plan director para a mellora da seguridade escolar nos centros educativos; Sexting: novos vehículos para a violencia nas relacións de parella das e dos adolescentes; A trata de mulleres en Galicia: da invisibilización á vitimización; Os coidados da vida, a economía invisible; Unha ollada dende o ámbito da saúde; Os medios de comunicación: a violencia simbólica contra as mulleres; e As mulleres e o poder. Violencias en tempos de crise.

Exit mobile version