Site icon Crónica3.com A Mariña

​O BNG lamenta a complicidade do Concello na recuperación da “raíña” nas festas de Burela e convida ao alcalde a rectificar

nin fada nin princesaBurela, 4 de maio de 2015.- O BNG manifestou o seu malestar pola recuperación da figura da raíña das festas de Burela, oito anos depois. “Non se trata de voltar á Burela de 2006, senón dun retroceso a outra época, cun tema que xa estaba socialmente superado”, afirman os nacionalistas. “Costa entender como en pleno século XXI aínda poda haber iniciativas deste tipo, que reproducen roles de xénero e un canon de beleza dominante e excluínte, que en nada beneficia ao conxunto das mulleres nin contribúe a termos unha sociedade máis igualitaria e integradora”.

Para o BNG, “o que resulta máis grave é que este tipo de propostas conten co apoio do Concello de Burela”, pois “as administracións públicas deben ser as primeiras en desenvolver políticas de igualdade entre mulleres e homes e promover aquelas iniciativas sociais que teñan a muller como suxeito e non como obxecto”. O Concello ten moita responsabilidade na elaboración do programa das festas, pois financia a maior parte das actividades programadas e non pode eludir o seu compromiso coa promoción da igualdade real entre xéneros en todos os ámbitos da sociedade burelá, tamén nas nosas festas.

A formación frontista puxo en dúbida a aplicación e posta en práctica do IV Plan de Igualdade do Concello de Burela, aprobado no pleno celebrado o pasado mes de marzo, que define entre as súas liñas estratéxicas, a “mellora da gorbenanza a favor da igualdade” e a “participación activa das mulleres na sociedade”. Desde o BNG convidan ao alcalde e á concelleira de igualdade “a que rectifiquen publicamente e retiren o seu apoio a esta actividade anacrónica”.

Exit mobile version