Site icon Crónica3.com A Mariña

A Alcaldesa espera que Feijóo lles explique este martes ós veciños “porque ten a Viveiro esquecido”

A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, asegurou que o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ten na visita que fará este martes á cidade unha boa oportunidade para explicar aos veciños “porque se esqueceu de Viveiro e das súas necesidades, demandas e propostas todos estes anos”.

A rexedora comprende que Feijóo viaxe a Viveiro “para apoiar ao seu partido, pero gustaríame que tivera a mesma preocupación e lles prestara a mesma atención ás necesidades dos viveirenses, e aos temas que ten pendentes con este Concello dende hai moito tempo”.

Como mostra deste “abandono”, María Loureiro lembrou que dende que Feijóo é Presidente tan só viaxou a Viveiro unha soa vez no 2011. Entre algunhas das cuestións pendentes cos viveirenses, a Alcaldesa recalcou que leva meses esperando por unha reunión con Patrimonio e co Conselleiro de Cultura, indispensable para poder desbloquear a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), unha cita que lles solicitou a ambos en numerosas ocasións e que aínda non foi atendida.

Tampouco foi atendida a reiterada proposta do Concello de transferir á Xunta a titularidade do Conservatorio de Música, un centro con alumnos de toda a comarca que desenvolve unha importante actividade.

Outro dos proxectos que se encontra no limbo é a rexeneración da ría de Viveiro, na que o por aquel entón Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, anunciou en 2011 que a Xunta ía investir 5 millóns de euros. “Non volvemos a saber nada máis”, afirmou a Alcaldesa.

María Loureiro lamentou tamén que a Xunta “discriminase” a Viveiro con respecto a outros concellos da comarca ao denegarlle un obradoiro de emprego que tería 60 alumnos e 6 profesores, cando “cumprimos con todos os requisitos esixidos para recibilo”.

Lamenta, finalmente, a paralización da Vía de Alta Capacidade, cuxo proxecto inicial fora consensuado entre veciños, Concello de Viveiro e Xunta de Galicia, sendo posteriormente modificado de forma unilateral pola administración autónomica e estando, a día de hoxe, pendente. Cómpre lembrar, neste sentido, que o propio Feijoó incumpriu a promesa realizada en 2003, sendo Conselleiro de Política Territorial, cando afirmou que a Vía de Alta Capacidade ía ter o seu comezo en Viveiro.

Exit mobile version