Site icon Crónica3.com A Mariña

A candidatura socialista agradece “a confianza e apoio” dos viveirenses nas eleccións

Viveiro, 27 de maio de 2015.- A alcaldesa en funcións de Viveiro, María Loureiro, e a súa candidatura expresaron o seu “agradecemento a todos os veciños e veciñas que depositaron en nós a súa confianza e apoio nas eleccións municipais, e que nos permitiu converternos na forza máis votada”. Loureiro asume con “gran responsabilidade” a nova etapa á fronte da alcaldía, “agora si, como a primeira Alcaldesa de Viveiro elixida polos meus veciños e veciñas”, un cargo que desempeñará “con diálogo, humildade, transparencia, traballo en equipo, compromiso e participación, tanto dos outros grupos políticos, como por suposto de todos os veciños”.

A rexedora incidiu en que as tres grandes liñas de traballo do seu Goberno serán, “tal e como xa avanzamos na campaña”, a creación de emprego, o impulso do turismo como principal motor económico do concello, e o mantemento e mellora das políticas sociais. O Executivo socialista dirixido por Loureiro tamén seguirá “loitando pola tramitación e aprobación do PXOM, bloqueado na Xunta, e para que a variante da VAC saia adiante co trazado que todos, menos o PP, apoiamos por unanimidade, sen destruír o val de Magazos”, asegurou a Alcaldesa en funcións.

“Os socialistas demostramos en Viveiro que, fronte aos recortes de dereitos e servizos, hai outra forma de gobernar. Seguiremos garantindo o benestar e a calidade de vida dos nosos veciños, o progreso socioeconómico do noso concello, e a boa xestión das contas públicas”, subliñou María Loureiro.

Exit mobile version