Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Ensino chama ó boicot ás reválidas por “antipedagóxico e desprezar o labor docente do profesorado”

Ribadeo, a 6 de maio de 2015.- A CIG-Ensino xa denunciara ao inicio deste curso que a aplicación da LOMCE foi unha improvisación e un desatino absoluto que significou un prexuízo para o funcionamento dos centros e para a calidade do ensino.

Agora, a Consellaría de Educación, actuando de forma submisa cos mandatos de Madrid, decide someter todo o alumnado de 3º de Primaria a unha proba xeral individualizada que conxuntamente coa prevista para 6º de Primaria son a antesala das reválidas, requisito imprescindíbel para acceder ao título de ESO e bacharelato.

A CIG Ensino é consciente que a LOMCE é unha lei que non pretende mellorar a educación pública senón unha lei que impide o dereito á educación de todo o alumnado e a igualdade de oportunidades, que acrecenta a privatización e a competitividade na educación, elimina a xestión democrática dos centros e reforza a confesionalidade a través de medidas como as reválidas.

A CIG Ensino oponse ás reválidas entre outros polos seguintes motivos:

 É unha aberración desde o punto de vista pedagóxico someter o alumnado de 8 anos a unha presión innecesaria, mediante unha proba que o vai avaliar baixo estándares uniformizados, sen considerar a educación como un proceso no que hai que avaliar e considerar as circunstancias persoais, socioeconómicas, capacidades e actitudes do alumnado.

 Limítase a avaliar o ámbito lingüístico e matemático, menosprezando a adquisición doutras competencias, destrezas e habilidades do campo artístico, musical e físico e refusando o ensino da nosa historia e medio natural imprescindíbeis para a formación integral do alumnado.

 Despreza a avaliación continua e a opinión do equipo docente. Ninguén mellor co titor ou titora ou o equipo docente para coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado e dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a aprendizaxe e o rendemento escolar.

 Non valora e desconfía do traballo do profesorado que estará sometido e totalmente condicionado a orientar o seu traballo docente a preparar o alumnado para a obtención da mellor nota posíbel na avaliación final, marxinando outros aspectos educativos fundamentais nesta etapa educativa.

 Responde á pretensión de conformar rankings de centros, segundo os resultados destas avaliacións e sen ter en conta as características do alumnado e os servizos cos que conta o centro, co obxecto de ir configurando unha rede elitista de centros que contará con máis medios e recursos.

 Pretende ir afirmando un sistema educativo competitivo, clasista e segregador que vai excluíndo os sectores máis desfavorecidos da educación e asentando unha estrutura curricular ao servizo do neoliberalismo.

 Supón tamén un despropósito, xa que os estudos de aprendizaxe que se pretenden avaliar corresponden aos tres primeiros cursos de primaria e o alumnado que vai sufrir as probas só cursou terceiro da LOMCE.

 A Consellaría de Educación malgasta o diñeiro público, malia as múltiples carencias dos centros, e somete o profesorado a unha sobrecarga de traballo coincidindo co final do curso.

A CIG Ensino está en contra destas probas e por iso está levando a cabo unha recollida de sinaturas entre o profesorado de todos os centros da Mariña e apoia a decisión da Plataforma en Defensa do Ensino Público para que o día da realización da proba xeral de 3º de Primaria (27 e 28 de maio) as familias non envíen os fillos e fillas aos centros ou manifesten o seu rexeitamento.

Dores Fernández Abel
Secretaria da CIG Ensino da Mariña.

Exit mobile version