Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Saúde gaña as eleccións sindicais no SERGAS e obtén 57 delegados e delegadas.

A CIG-Saúde foi a organización sindical máis votada nas eleccións sindicais celebradas este mércores no SERGAS, nas que obtivo 57 delegados e delegadas. Con estes resultados sitúase como primeira forza na Mesa Sectorial da que quedan fóra sindicatos como SAE que tan só obtivo 17 delegados e delegadas.

Na Mariña foi a organización sindical máis votada onde obtivo 6 delegadas e delegados, duplicando en número de delegados/as á segunda forza que acadou representación.

A CIG-Saúde considera que estes resultados son froito do traballo desenvolvido nestes catro anos nos que “combatemos os recortes nos dereitos laborais do persoal do SERGAS, as privatizacións da sanidade pública, mobilizámonos co apoio dos traballadores e traballadoras e impulsamos a mobilización conxunta na defensa dun sistema sanitario público no que se recoñeza o labor das e dos profesionais que nela traballan”, explica a Secretaria Nacional, María Xosé Abuín.

Xunto a isto, a CIG-Saúde lamenta profundamente que o persoal en formación quede fóra do ámbito de representación e negociación da Mesa Sectorial, porque estes colectivos quedan así desprotexidos. “Imos traballar para que nas vindeiras eleccións volvan formar parte da Mesa Sectorial ao igual que forman parte do Foro Marco para o Diálogo Social” (Mesa Sectorial do Ministerio de Sanidade).

María Xosé Abuín sinala tamén que estes resultados son unha “dose maior de responsabilidade” para continuar na liña de traballo que vimos desenvolvendo.

A CIG-Saúde agradece ademais a participación e a confianza que o persoal da sanidade pública depositou neste sindicato porque “sen eles e elas non sería posíbel desenvolver o noso traballo”. Do mesmo xeito subliña o compromiso que as afiliadas e afiliados da CIG-Saúde coa defensa dos intereses do conxunto de traballadores e traballadoras.

Exit mobile version