Site icon Crónica3.com A Mariña

A Confederación de ANPAS Galegas rexeita a implantación das reválidas

6 de maio de 2015.- Este curso, concretamente os próximos días 27 e 28 de maio, os nosos nenos e nenas de 3º de primaria van padecer a esixencia administrativa dunha “avaliación individualizada”, unha proba de control das destrezas adquiridas na competencia en comunicación lingüística e na competencia matemática. Esta é a primeira das “reválidas” que implanta a LOMCE, esa Lei que a comunidade educativa toda, e a maioría da sociedade rexeitou durante toda a súa elaboración, e que agardamos que sexa derrogada á maior brevidade.

Dende a Confederación ANPAS GALEGAS facemos público o noso rexeitamento a este tipo de probas, e moi especialmente a esta que xa está anunciada e ten data de realización; entendemos que o control do grao de adquisición das habilitades e destrezas adquiridas polos nosos nenos e nenas na súa vida escolar compételle exclusivamente aos seus profesores e profesoras, que son quen realizan o inxente traballo de personalizar o ensino para que cada neno e nena reciban o que precisan atendendo a súa individualidade e capacidades; que ningunha proba externa vai dar resultados fiables porque refire a posible diagnose a unha circunstancia descontextualizada na vida dun escolar, e que se a Administración educativa precisa de resultados que lle permitan introducir melloras no proceso educativo o que ten que facer é falar con todos os que formamos parte dese proceso: o profesorado, as familias e os propio alumnado, que temos a capacidade, os coñecementos e a vontade de participar nunha dinámica de permanente mellora do noso ensino público.

Dicimos que non a unha proba que discrimina ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que fará a proba pero non computará para o cálculo dos datos globais, que son os que realmente importan ao lexislador. Dicimos que non a unha proba que xerarquiza as materias do curriculum, considerando de menor importancia aquelas que non serán avaliadas, unha proba que despreza a nosa contorna, os nosos valores e costumes e a nosa lingua, que só serve para ser autoavaliada; e afirmamos que a intención destas probas non é outra máis ca o establecemento de categorías de centros públicos, de profesionais do ensino e mesmo de zonas xeográficas, coa intención futura de diversificar discriminadamente os investimentos educativos creando centros e alumnos beneficiados ou prexudicados na procura dunha excelencia que non se consegue así senón traballando dentro da equidade e da igualdade de tratamento e oportunidades.

Lamentamos tamén que a Administración educativa galega, que ten competencias para facer esta proba “segundo dispoña” tal e como está redactada a LOMCE, optara por gravar ao noso alumnado, e ao noso profesorado, cunha proba inútil e innecesaria, cando podía ter evitado a súa aplicación tal e como fixeron outras Comunidades Autónomas.

Exit mobile version