18 de maio de 2015.- A Plataforma de Afectados polos Abusos do Mercado Eléctrico, a través do seu presidente Jose Luis Moñita, denuncia que a Consellería de Economía e Industria non cobra taxa algunha a Begasa para a verificación de contadores cando polos mesmos actos cobra aos usuarios por adiantado cantidades que van dende os 83 € aos 162 €.
Se un usuario cre que o seu contador está manipulado debe denuncialo en Industria e pagar previamente 83 € ou 162 €, pero se é Begasa (unha empresa privada) quen formula a devandita denuncia non debe aboar nada polo traballo dos funcionarios da Xunta. Non só existe esta diferenza senón que cando é un usuario o que realiza a denuncia debe esperar ás veces mais de dous meses para que lle revisen o contador, dous meses dende que fixo o ingreso das taxas na conta da Xunta, e non obstante se é Begasa a que realiza a denuncia esta revisión faise en menos de dous días. Existen casos nos que xa habendo o usuario solicitado a verificación do contador e pagado as taxas, Begasa solicita con posterioridade a devandita revisión e de forma totalmente gratuíta é atendida antes que o contribuínte. Este é un feito moi grave xa que estamos a falar nalgúns casos de probas fundamentais para resolver as diferenzas entre usuarios, Begasa ou empresas comercializadoras nos órganos xurisdicionais.
Dende Industria alegan que estas actuacións non veñen rexistradas na lei 6/2003 de taxas da Xunta de Galicia e que polo tanto non se deben cobrar. Resulta moi curioso que para un usuario si veñan recollidas estas actuacións suxeitas a taxas e non obstante para Begasa non veñan, sendo como é Begasa unha empresa privada. Talvez industria sexa capaz de concluír que un equipo de medida está manipulado sen verificar o devandito contador, sen verificar se conta ben ou, non cando o solicita Begasa e pola contra se é o usuario o que o solicita é imprescindible a devandita verificación.
Este feito resúltanos tan grave que imos poñelo en coñecemento da fiscalía de Lugo para que esta tome as medidas que crea oportunas.
Dende a Plataforma somos conscientes do trato de favor co que Industria trata a Begasa fronte ao resto de usuarios e xa sospeitabamos que non se lles cobraba as taxas estipuladas, pero agora é cando grazas á asesoría ODICE, por fin podémolo demostrar.