Site icon Crónica3.com A Mariña

A obra de prolongación do martelo que separa as zonas comercial e pesqueira no porto burelés rematará a finais de xuño

200515 Foto martelo Burela2Burela, 20 de maio de 2015.- O alcalde, José Mª González Barcia, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e o presidente da confraría de pescadores, Basilio Otero, supervisaron este mércores as obras de prolongación do martelo que separa a zona comercial da pesqueira no porto.

O rexedor contou que “aproveitando unha visita do presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, á comarca da Mariña hoxe estivemos vendo o estado das obras de prolongación do martelo que separa a zona comercial da pesqueira no porto de Burela. As obras van segundo o calendario previsto. Neste momento xa vai moi avanzada a escollera que leva este muro de 20 metros, que é unha prolongación sobre o martelo preexistente. Os bloques da base desta prolongación están colocados xa desde hai uns días e a empresa confía en que a obra poida estar rematada a finais de xuño, dentro de algo máis dun mes”.

González Barcia lembrou que “o investimento de Portos de Galicia nesta obra é de 483.000 euros e no seu día esta actuación foi consensuada entre Portos de Galicia, o sector pesqueiro (confraría e Absa) e o propio Concello como unha medida para mellorar de forma substancial as condicións de seguridade dos barcos atracados dentro da dársena interior do porto de Burela, sobre todo naqueles casos nos que poida haber mar forte dentro do propio porto”.

Exit mobile version