Site icon Crónica3.com A Mariña

A Pomba do Arco convida á proxección do documental ‘O Piloto’ este venres no Cenima de Foz

pilotoA Asociación Cultural A Pomba do Arco convida á proxección do documental titulado ‘O Piloto’, obra de Xosé Reigosa e guión de Afonso Eiré, que terá lugar o venres 29 de maio ás 20.30 horas no Cenima de Foz.

Xosé Reigosa Piñeiroa, nado en Barreiros no ano 1949, leva moito tempo traballando como fotógrafo, ten participado en máis de 50 exposicións, tanto colectivas como individuais, chegando incluso a ter exposto en Bos Aires e no Uruguai. Ademais da súa paixón pola fotografía ten traballado no mundo dos documentais, lembremos o seu traballo titulado A Chocolateira, que falaba daquel tren de Vilaodrid que traía mineral ata o cargadeiro de Ribadeo.

Este venres amosará en Foz o terceiro dos seus documentais, titulado O Piloto, no que se aborda a figura de Xosé Luís Castro Veiga, nado no Corgo en 1915 e asasinado pola garda civil en San Fiz de Asma (Chantada) o 10 de marzo de 1965.

Este documental sae á luz neste ano 2015, no que se cumpren os 50 anos da morte de Castro Veiga. Este home loitara en contra das tropas fascistas e en defensa da República gobernante. Trala guerra será condenado a 30 anos de cárcere da que sae, indultado, aos catro. En 1945 volta á Galicia para seguir loitando en contra dos fascistas, para iso vótase ao monte e incorpórase ás filas da guerrilla antifranquista no verán dese ano. A partida da que formaba parte operaba nas zonas do Corgo, Castroverde e Sobrado. No ano 1946, trala detención de moitos dos membros desta guerrrilla, traslada as súas operacións cara a zona de Monforte, Quiroga e zoa do Sil. Cando as perdas de combatentes fan inoperativa a partida de guerrilleiros que dirixía decide continuar a loita en solitario, acompañándose tan só da súa amada Mirelle.

O día 10 de marzo de 1965 forzas da garda civil abaten a tiros a Xosé Castro Veiga, tamén coñecido como o Piloto, o derradeiro guerrilleiro de Galicia.

Neste documental trátase da figura de Castro Veiga dende as dúas perspectivas posibles, dende a visión daqueles amigos que o coñeceron e a visión daqueles que tras coñecelo o odiaron. A figura do Piloto asómase neste documental como unha mezcla de heroe local e de pistoleiro salvaxe sen escrúpulos que adoitaba se sacar a pistola sen motivo. No documental aparecen documentos inéditos que cambian a visión que sobre o Piloto se tiña, veremos que relacións mantiña con PCE, coñeceremos das súas andanzas e cal foi a razón por qué sobreviviu tanto tempo.

No documental tamén se trata da figura da súa compañeira sentimental, da paixón que entre eles xurdiu e da historia de amor que viviron ata o día en que asasinan a Castro Veiga.

Exit mobile version