Site icon Crónica3.com A Mariña

A presidenta de FEDACE afirma que “temos o dereito e o deber de reclamar a atención ao dano cerebral adquirido”

2015-05-30_foro-de-familias_130 de maio de 2015.- A mesa redonda sobre ‘Como nos afecta o copagamento’, que inaugurou este sábado pola mañá o IV Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral Adquirido, centrouse na defensa da consideración dos servizos sanitarios e de atención á dependencia como “dereitos” que, polo tanto, deberían estar exentos de contraprestación económica. Así o defenderon tanto a presidenta da Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE), Amalia Diéguez, como o presidente da Asociación de Pacientes do CHUS, Fernando Abraldes.

Tralo discurso inaugural de José Balboa, presidente de FEGADACE, tomou a palabra Amalia Diéguez, a súa homóloga en FEDACE, para explicar a experiencia de defensa contra o copagamento que están a desenvolver na Comunidade Valenciana, onde reside e se implica asociativamente. Despois dunha semblanza pola historia da Lei de Dependencia, detallou os recursos, individuais e colectivos, que se levan presentado en Valencia, chamando ás familias galegas a “facer ruído nas rúas, presentar recursos xudiciais e prestar apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP)” contra o copagamento. “A administración ten a obriga de atendernos”, explicou, denunciando que “a aplicación de taxas acaba na expulsión do sistema” de atención á Dependencia.

Na mesa redonda interviu tamén o presidente da Asociación de Pacientes do CHUS, Fernando Abraldes, que seguiu unha liña argumental parella, baseándose na fundamentación ética que debería seguir a lexislación en materia de Dependencia. “Non responde á súa vontade”, dixo en alusión a pacientes e persoas con discapacidade, “empregar os servizos, por iso é inxusto” que se apliquen copagamentos que “favorecen procesos de desigualdade e de falta de equidade”. Detallou, a través das cifras, en que medida as trabas legais e as diferentes reformas administrativas están a atrasar a prestación de apoios, e animou a asinar a ILP, pois, se se acepta, “o copagamento vai ser historia, porque na práctica case o elimina”.

Agradecemento do III Premio FEGADACE desde a implicación nas asociacións
Despois da mesa redonda, o secretario de FEGADACE, Fidel Castro, dirixiuse ás máis de 80 persoas asistentes ao Foro de Familias para introducir a entrega do galardón á Fundación Barrié. Javier López, Director Xeral da entidade, recibiu o III Premio FEGADACE das mans do anterior galardonado, Miguel Blanco (director da Unidade de Ictus do CHUS), quen lle manifestou que “é máis que un premio; é un compromiso con este colectivo que deixa a vida na defensa das persoas con dano cerebral”.

Javier López tomou a palabra para agradecer o galardón cun emotivo discurso no que sorprendeu ao público anunciando a súa implicación directa na Asociación de Dano Cerebral de Compostela, Sarela, á que asiste coa súa nai, que tivo recentemente un ictus. Explicou a súa comprensión sobre a situación de desorientación na que se atopan as familias cando o dano cerebral irrompe nas súa vidas, e manifestou tamén un “especial agradecemento a Miguel Blanco” porque tamén estivo implicado na atención de urxencia á súa nai.

Animou ás asociacións de FEGADACE a continuar construíndo “unha sociedade máis ética e xusta, que permita a inclusión de todas as persoas” con independencia das súas discapacidades, manifestou o seu rotundo apoio á ILP, sinalando que “hai que sacarlles as cores aos políticos que meten a pata”, e agradeceu encarecidamente o premio en representación da Fundación Barrié.

Ao final do acto de entrega do galardón estivo tamén a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde se está a celebrar o Foro de Familias, que explicou que sentía non poder dar máis apoio a esta iniciativa que a cesión gratuíta das instalacións, ao tempo que agradeceu o labor das asociacións de DCA e tamén da Fundación Barrié, que tamén apoia iniciativas no ámbito educativo.

IV Foro de Familias
O Foro de Familias continúa nestes momentos co público dividido en catro grupos de traballo sobre ‘Curatela’; ‘Alimentación, saúde e hixiene das persoas con dano cerebral adquirido’; ‘Achegamento (baseado na filosofía da estimulación basal)’; e ‘Manexo de condutas difíciles’.

Ás 14:00 celebrarase o acto de clausura, no que se entregará un agradecemento pola súa traxectoria asociativa á ata agora vogal da Federación, Elena Salgado, que abandona o cargo.

Iniciativa Lexislativa Popular ‘Non ao copagamento confiscatorio’
O CERMI, do que fai parte FEGADACE, é a entidade de referencia de representación das persoas con discapacidade a nivel estatal. Este organismo está inmerso desde xaneiro nunha campaña de recollida de sinaturas que respalden a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) ‘Non ao copagamento confiscatorio’ pola reforma da Lei de Dependencia. FEGADACE quixo amplificar esta iniciativa dedicando o Foro de Familias ao mesmo lema, e recollendo sinaturas que respalden a ILP.

A principal reclamación desta ILP é que se establezan uns criterios xustos de copagamento que non expulsen ás persoas en situación de dependencia da protección social. É a resposta do movemento asociativo da discapacidde ás políticas de recortes, que crearon unha situación insostíbel que fai recaer o esforzo económico do mantemento do sistema de atención á dependencia nas propias persoas nesa situación e nas súas familias.

***
FEGADACE pon a disposición de todos os medios de comunicación interesados en ampliar información ao seu secretario e portavoz, Fidel Castro. Agradecemos o contacto co teléfono 654 866 967.

***
O dano cerebral adquirido é unha lesión que se produce no cerebro de forma súbita en persoas nacidas sen dano ningún. A súa principal causa é o ictus, seguido dos traumatismos cranioencefálicos (sobre todo por accidentes de tráfico, pero tamén laborais, caídas, golpes…), que provocan diferentes secuelas que constitúen o motivo desta discapacidade.

***
FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral que traballan en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido.

Exit mobile version