González Barcia dixo que “a primeira valoración que nós facemos é francamente positiva porque esta feira está perfectamente consolidada e está pouco a pouco ganando terreo a outras e soamente hai que darse conta que hai outros eventos feirais nos campos da actividade económica que teñen esmorecido. E Expomar, grazas á puxanza do sector pesqueiro, segue a manter un elevado nivel”.
O presidente da Fundación Expomar sinalou que “en principio o carácter da feira seguirá a ser bianual, porque os propios expositores os que nos piden que isto sexa así para darlles máis capacidade e máis potencia ás innovacións que aquí se poidan presentar cada dous anos”. E lembrou que “o número de expositores ten chegado este ano a 102 e 300 foron as firmas presentes en Burela. O número de visitantes profesionais ascendeu a 3.885, controlados polas tarxetas que se distribúen aos distintos expositores e ás distintas firmas. Os visitantes chegaron de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Cataluña, norte de Portugal, e delegacións procedentes de Sudáfrica, Holanda, Francia e Italia”.
No balance efectuado este xoves á mañá José Mª González Barcia contou que “o 61% dos expositores chegaron do estranxeiro: Alemania, Holanda, Noruega, Francia, Italia, Islandia, Cabo Verde, Estados Unidos e Xapón. E o resto de España: Galicia, País Vasco, Cataluña, Madrid e Andalucía”.
O presidente da Fundación Expomar indicou que “na xuntanza que mantivemos esta mañá no padroado falamos de novos proxectos para a feira, que convén irse plantexando agora e confiamos que se vaian materializando de cara ao ano 2017. Xa nos puxemos en contacto con Portos de Galicia para aproveitar máis, si cabe, a actual nave de redes. Esta instalación conta cuns espazos que de momento nunca se usaron para a celebración da feira e hai que ver si se poden utilizar porque vemos que a feira pode e debe ir en aumento. Na vindeira edición da feira tentaremos contar con un centro de negocios no propio recinto para que se poidan facer exposicións a grupos de 10 ou 15 persoas e tamén entendemos que debemos potenciar a figura do xerente da Fundación Expomar, imos ver como se pode facer. O que está claro é que si queremos darlle máis puxanza a Expomar a nivel internacional, para que ao seu tempo conte aquí con máis expositores e con máis firmas, deberíamos dar un paso adiante para reforzar o papel da xerencia de Expomar”.
José Mª González Barcia engadiu que “temos unha feira completamente consolidada, pioneira no sector, en auxe porque os propios expositores así o din, e unha feira que significa moito para o noso concello pola proxección que supón para o nome de Burela, pola dinamización da vida económica durante todos estes días e todo o que representa como proxección do sector pesqueiro, motor fundamental da economía e da vida burelesa”.