Site icon Crónica3.com A Mariña

A provincia acadou cos socialistas na Deputación o nivel máis alto de servizos públicos e a débeda cero

LUGO, 7 DE MAIO DE 2015.- A provincia de Lugo acadou cos socialistas na Deputación o nivel de servizos públicos máis alto e de mellor calidade que nunca antes existira. Hoxe é un referente en transparencia, participación cidadá, dereitos laborais, políticas de emprego, servizos sociais, novas tecnoloxías, cooperación cos concellos, eficiencia enerxética ou proxectos de impulso ao rural e ao sector primario, grazas a un Goberno que saldou todas as débeda históricas que o Partido Popular mantiña cos lucenses, que fixo investimentos cun forte retorno económico e que goberna para todos, mantendo ao mesmo tempo as contas públicas saneadas. Fronte aos 122 millóns de euros que deixou o PP no 2007, o Goberno presidido por José Ramón Gómez Besteiro, deixa a débeda a cero.

Así o subliñou o Deputado provincial socialista Manuel Martínez, voceiro na Deputación, quen atribuíu as declaracións dos populares sobre a xestión do Executivo provincial “ao seu descoñecemento”. “Iso é o que provoca vir a Lugo só de excursión”, asegurou Martínez, quen convidou a Barreiro e a Feijóo a “pisar a provincia e coñecer a realidade de Lugo e dos lucenses”.

Fronte a esa “manipulación e falta de rigor” do Partido Popular, o socialista expuxo datos reais, contrastables e públicos:

– A Deputación de Lugo ten débeda cero, e mantense á cabeza en investimento por habitante e en nivel de execución orzamentaria, acadando un 80% no 2014.

– Pagou os 11 millóns de euros do canon hidroeléctrico a 16 Concellos que o PP se negou a recoñecer durante anos.

– Desbloqueou a posta en marcha dos parques de bombeiros e colabora no funcionamento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

– Construíu sen ningún apoio da Xunta o 1º centro público de recría de gando de España, e abriu novas axudas para a recuperación de terras abandonadas, viñedos, horticultura ou a pesca de baixura en apoio ao rural e ao sector primario.

– En 8 anos multiplicou por 370 os fondos para crear emprego na provincia, pasando dos 18.000 euros anuais da etapa do PP aos 6,6 millóns de euros deste 2015. A Deputación ten hoxe en marcha o 4º macro plan de emprego en só catro anos, que suman 3.000 beneficiarios.

– Foi a primeira administración pública de Galicia e a primeira Deputación de España en impoñer cláusulas sociais que blindan os dereitos dos traballadores. Foi tamén a primeira institución provincial de Galicia en devolver a paga extra de decembro de 2012 a todos os empregados públicos, “que o Goberno do PP lles arrebatou inxustamente”.

– Subiu un 90% os investimentos en servizos sociais, pasando dos 515.000 euros ao ano que deixara o PP a 4,5 millóns; constrúe sen respaldo da Xunta unha rede de residencias e centros de día públicos para a terceira idade e mantén os servizos de axuda no fogar e teleasistencia, despois de que Feijóo e Rajoy eliminaran as axudas aos concellos.

– Mentres o PP se nega a dotar dos servizos sanitarios pendentes ao hospital, comprometidos xa hai catro anos por Feijóo, a Deputación loita pola implantación destas prestacións, e mesmo se ofreceu a financiar a posta en marcha de Hemodinámica as 24 horas.

– Creou a sede da UNED, coa que Lugo non contaba, e mantén as campañas para favorecer as matriculacións no Campus Universitario, mentres a Xunta recorta tanto os fondos, que mesmo o vicerreitor asegura que nin chegan para pagar as nóminas, un caso único na Universidade pública galega.

– É a Deputación de España que máis inviste en deporte por habitante e ano

– Creou a área de Cooperación cos Concellos, que co PP non existía. Implantou a administración electrónica nos Concellos, e axudoulles a reducir na factura da luz cun plan de aforro enerxético. Todos os municipios se poden beneficiar dos plans da Deputación, “cousa que non ocorre na Xunta. Lugo só recibe do Goberno galego o que estritamente lle corresponde por Lei”.

– Recuperou como patrimonio de todos os lucenses o Pazo de Tor, o Hotel Miño, a gardería do Campus ou o legado de Álvaro Gil

– Foi a primeira Deputación de España en elaborar Orzamentos Participativos.

– De ser declarada polo Valedor do Pobo “hostil e entorpecedora” cando gobernaba o Partido Popular pasou a ser a 6ª máis transparente de toda España. Hoxe a oposición recibe resposta ás súas peticións de documentación nun prazo de 5 días. No 2014 tivo acceso a información todos os días laborais do ano.

Unha oposición “desastrosa e desnortada”
“Esta é a nosa folla de servizos”, afirmou Martínez: “Un goberno eficaz, transparente e sensible ás demandas dos lucenses”. “E cal é o balance do Partido Popular? Fixo unha oposición claramente desastrosa e desnortada, na que puxo por riba de todo os intereses do partido, antes que os veciños”. “O PP na Deputación foi unha mera sucursal da Xunta”, recalcou o socialista. Como mostras significativas, Martínez sinalou que o PP “mesmo se opuxo a plans de emprego da Deputación recorrendo aos tribunais”, e rexeitou a implantación dos servizos pendentes no HULA, “servizos que salvan vidas”.

Exit mobile version