Site icon Crónica3.com A Mariña

Abriendo Camino presentará no I Encontro Mundial de Asociacións do Camiño de Santiago o poster da variante marítima do Camiño Norte pola Basílica de San Martiño de Mondoñedo

A Asociación “Abriendo Camino” de Amigos do Camiño Norte de Santiago (representando ás comarcas da Mariña e a Terra Chá) mantivo en abril unha reunión coa Directora Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e o seu equipo cos representantes da Agrupación do Camiño do Norte (que abarca as comunidades do País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia), con representantes das ACIAS de Foz e Mondoñedo e o alcalde de Foz, con motivo da reivindicación dun estudo para a inclusión no trazado oficial da Variante Marítima pola Basílica Catedral de San Martino de Mondoñedo, recuperando a memoria histórica do paso de peregrinos pola Catedral máis antiga de España (S. VII) que segundo os documentos contaba cun hospital de peregrinos e que potenciará o Camiño do Norte, dando tamén a coñecer os múltiples atractivos paisaxísticos da costa lucense.

As conclusión do encontro, para a Asociación Abriendo Camino, foron:
1) Esperar ao mes de xullo que se resolva pola UNESCO a solicitude de nomeamento de Patrimonio da Humanidade ao Camiño do Norte. Que en caso de ser favorable, a Xunta de Galicia contrataría un equipo para corroborar a Historicidade do paso de peregrinos por San Martiño e posteriormente o estudo do trazado e delimitación do mesmo.
Tamén se ofrecen a solicitar a axuda da SA de Xestión do Xacobeo e da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, para promover e divulgar esta ruta nas guías e folletos…

2) O alcalde de Foz Javier Castiñeira, comprométese a incluír no seu programa electoral a adecuación para albergue de peregrinos, dunha casa de indianos, situado na parroquia de Villaronte (a 2 kms da Basílica) cedida pola Fundación Damián.

A Asociación “Abriendo Camino” en colaboración co Concello de Foz confeccionará un poster de 1 m X 0,80 m sobre a Variante Marítima á Basílica de San Martiño, que se expoñerá no I Encontro Mundial de Asociacións dos Camiños de Santiago que se celebrará os días 4,5 e 6 de xuño en Santiago de Compostela para as que xa están inscritas máis de 200 asociacións dos 5 continentes. Tamén se repartirán os trípticos confeccionados da Variante Marítima e que reeditou o Concello de Foz para promocionar e dar a coñecer este proxecto entre os asistentes e medios de comunicación.

Exit mobile version