Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEAC destaca ó Concello de Ribadeo pola educación ambiental e concede catro bandeiras azuis ós areais do municipio

Ribadeo, 14 de maio de 2015. As praias de As Catedrais e Os Castros-Illas e o paseo entre a Illa pancha e As Aceas conseguiron as bandeiras azuis de Adeac, que se daban a coñecer esta mañá. O Concello de Ribadeo tamén obtén unha distinción temática en información e educación ambiental. O alcalde, Fernando Suárez, sinala que se trata dun recoñecemento ao traballo realizado pola Concellaría de Medio Ambiente e subliña que con todos estes distintivos Ribadeo se atopa nunha posición moi importante.

Para o rexedor “isto significa un ano máis un recoñecemento por parte de Adeac ao traballo que estamos facendo desde o Concello de Ribadeo no que ten que ver co litoral, coas praias, cos Castros, coas Illas e tamén, como non, coa praia máis internacional que temos, a das Catedrais ou Augasantas. Tamén reflexa o compromiso co medio ambiente, como indica que teñamos un ano máis este sendeiro azul desde o faro da Illa Pancha ata As Aceas. Ribadeo segue destacando e ofrecendo argumentos para vir aquí, non soamente na época estival senón durante todo o ano”.

Suárez Barcia dixo que “tamén é unha satisfacción que este ano por primeira vez temos unha distinción temática para municipios con bandeira azul, neste caso pola información e pola educación ambiental. Logramos unha das catro distincións de todo o Estado, xunto con outras en Cantabria, Girona e Lanzarote. Con isto recoñécese o traballo da área de medio ambiente, que leva o meu compañeiro Horacio Cupeiro, pola xestión da praia das Catedrais, así como polo traballo educativo cos máis pequenos nos colexios, como estivemos facendo nestes últimos tempos, na limpeza dos ríos, etcétera”.

O alcalde de Ribadeo engadiu que “outra das bandeiras azuis non foi xestionada polo Concello, senón polo Club Náutico, que é a do porto deportivo. Pero en definitiva a suma de todas as bandeiras azuis, o sendeiro azul e a distinción temática creo que coloca ao concello de Ribadeo nunha posición moi importante en canto á defensa do medio ambiente e de cara a conxugar o turismo sustentable coa conservación do medio natural”.

Exit mobile version