Site icon Crónica3.com A Mariña

AGEe traslada á CE a situación de potencial inseguridade vinculada á privatización dos parques de bombeiros

Bruxelas, 13 de maio de 2015.- Lídia Senra, deputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) porá en coñecemento da Comisión Europea (CE) as eivas en materia de seguridade laboral e acción coordenada de emerxencias denunciadas polos traballadores/as dos parques comarcais de bombeiros privatizados na Galiza, na actualidade en folga indefinida dende o pasado 18 de marzo en demanda da finalización da xestión privada dos servizos de emerxencia.

A día de hoxe, dos 31 parques de bombeiros/as galegos, 23 están a cargo de tres empresas privadas que, “inda que se benefician de 20.000.000€ ao ano do orzamento público, so teñen en plantilla 422 bombeiros e bombeiras para socorrer a aproximadamente 1,6 millóns de habitantes repartidos en 300 concellos”, explica a eurodeputada.

A través dunha pregunta parlamentaria dirixida á CE, Senra chama a atención sobre o feito de que esta proporción de persoal de emerxencias está “alarmantemente afastada” do ratio recomendado pola Organización Internacional do Traballo (OIT), é dicir, un/unha bombeiro/a por cada 1.000 habitantes.
Para AGEe, esta situación pon de manifesto que “o financiamento que debería ser adicado á contratación de persoal está supeditado ao beneficio das empresas privadas que teñen a concesión”.

“Ademais, é moi chamativo que a xestión privado-pública das emerxencias se dea so na Galiza”, prosegue, “coincido cos traballadores/as na sospeita de que se está a utilizar o noso país como laboratorio para unha posíbel privatización dos servizos de emerxencias en todo o Estado”.

Aliás, esta estructuración nos centros de traballo, como denuncian os propios bombeiros/as, por unha banda pon en risco a vida dos traballadores/as, que arestora están a acudir ás emerxencias en equipas 3 ou 4 persoas, das cales unha fica pendente do subministro de auga do camión, co que no caso de que os/as compañeiros/as que realizan as tarefas directas de salvamento sufriran un accidente, quen rescataría aos/ás rescatadores/as?

Por outra, como tamen teñen alertado reiteradamente, a existencia de parques privatizados, xestionados ademais por tres empresas diferentes, leva tempo dando lugar a graves descoordinacións do servizo de emerxencias galego. Un dos exemplos máis evidentes foi o do accidente ferroviario de Angrois (2013), momento no que, cabe lembrar, os bombeiros/as estaban tamén en folga en denuncia das consecuencias da súa privatización, greve que abandonaron para incorporarse masivamente ás tarefas de rescate, emitindo posteriormente un documento no que daban conta das gravísimas deficiencias de coordenación que se deron nese operativo.

Asemade, a simultaneidade de parques de bombeiros públicos e privados que existe arestora no noso país constitúe un agravio comparativo entre as galegas e galegos; “por que aquelas persoas que residen no ámbito de actuación dos parques comarcais teñen que arriscarse a contar con menos medios para unha emerxencia que aquelas que viven en cidades máis grandes? Hai vidas que merecen máis garantía que outras?”, cuestionou Lídia Senra.

Por todas estas circunstancias que ubican o servizo de emerxencias galego nunha situación de precariedade que redunda nunha potencial inseguridade dos traballadores/as e da cidadanía, AGEe consultará directamente á CE se esta situación se axusta ao marco legal europeo en materia de servizos de emerxencia.

“E intolerábel que se estea antepoñendo o beneficio de tres empresas privadas á seguridade das persoas”, criticou Senra, “a un Goberno que actúa así cun ámbito tan sensíbel como o das emerxencias deberíaselle caer a cara de vergoña”.

A deputada galega asistirá este venres 15 a mobilización convocada ás 11:00 en Santiago de Compostela baixo o lema “RESCÁTANOS” en demanda dunha xestión pública directa dos servizos de emerxencia.

Exit mobile version