Site icon Crónica3.com A Mariña

Ana Ermida: “É bo que Feijóo veña a Ribadeo, Mondoñedo e Riotorto a aprender a gobernar”

A Mariña, 14 de maio de 2015.- A responsable comarcal do BNG, Ana Ermida, di que “é bo que Feijóo veña a Ribadeo, Mondoñedo e Riotorto para que aprenda a gobernar a favor dos veciños e veciñas e non en contra da xente, como fai o actual presidente da Xunta”. A responsable nacionalista na comarca considera que “moi mal deben pintar as cousas para o PP na Mariña cando Feijóo ven dous días seguidos e os seus conselleiros non saen daquí”.

A conselleira do Mar e o conselleiro de Economía estarán en Burela, o de Cultura en Barreiros e Cervo e Feijóo estará mañá venres en Foz e Ribadeo e o sábado volverá a Mondoñedo e Riotorto. “Hai unha sobredose de cargos da Xunta estes días pola comarca”, afirma Ana Ermida.

A responsable do BNG considera positivo que Feijóo “veña aos Concellos do Bloque” porque “así poderá comprobar a boa xestión realizada polo BNG nos Gobernos municipais e poñer aos alcaldes do BNG de Ribadeo, Mondoñedo e Riotorto exemplo para os candidatos do PP na comarca”. “Pídolles a todos os candidatos e candidatas do PP da Mariña que van ir con Feijóo a Ribadeo, Mondoñedo e Riotorto que abran ben os ollos e aprendan a poñer os seus Concellos ao servizo dos veciños e veciñas”, recomendoulles Ermida.

Os alcaldes do Bloque ofrécense para unha “visita guiada” a Feijóo
Os tres alcaldes do Bloque Nacionalista Galego da Mariña, Fernando Suárez, Orlando González Cruz e Federico Gutiérrez Estoa, ofrécense a acompañar a Alberto Núñez Feijóo nunha “visita guiada” polos concellos de Ribadeo, Mondoñedo e Riotorto para “ensinarlle a nosa maneira de gobernar a favor dos veciños e veciñas e lembrarlle de paso todas aquelas necesidades que ten sen atender como presidente da Xunta nos nosos Concellos”. Os tres alcaldes nacionalistas da comarca critican que Feijóo “só veña á Mariña en campaña electoral a pedir os votos de mitin en mitin pero non traia nada para a comarca”.

“É a primeira vez que pisa Riotorto desde que eu son alcalde, hai oito anos”, repróchalle Federico Gutiérrez a Feijóo e lembra que “un Concello pequeno coma o de Riotorto, cos seus veciños e veciñas e co seu alcalde á cabeza opúxose ao copago farmacéutico, ao recorte dun médico no Centro de Saúde e é o único concello que non cobra o Servizo de Axuda no Fogar aos veciños e veciñas, así que comprobará como se goberna para a xente”, dixo.

No mesmo sentido se pronuncia Orlando González Cruz, alcalde de Mondoñedo, que lembra que “Feijóo só veu dúas veces a Mondoñedo desde que eu son alcalde, e as dúas en campaña a pedir os votos, pero non a traer nada para o pobo”, afirma. O alcalde mindoniense pídelle “que non se desvíe por Lourenzá para ir de Mondoñedo a Riotorto, porque así poderá comprobar a chapuza que a Xunta está facendo na LU-124, a estrada que une Mondoñedo con Riotorto e que conecta coa Autovía A-8, que levamos 4 anos reclamando que se amañe os Concellos da Pontenova, Riotorto, Pastoriza e Mondoñedo e que en vez de acometer unha verdadeira obra de ampliación e mellora do vial, que lle fai boa falla, están facendo unha auténtica chapuza calamitosa que non vale para nada xusto antes das eleccións”, quéixase.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, pola súa banda, lémbralle a Feijóo que “débelle a todos os ribadenses medio millón de euros que a Xunta comprometeu para a residencia de maiores e que non puxo” e ofrécese a “levalo a visitar as obras da residencia, que van a moi bo ritmo grazas ao apoio da Vicepresidencia da Deputación, para que se decida a poñer os cartos que debe dunha vez por todas”. “Eu pídolle que aproveite que ven a Ribadeo para ir ver as obras da residencia. Eu acompañareino con moito gusto e os centos de veciños e veciñas de Ribadeo de todas as cores políticas que levan anos pedindo a residencia tamén”, proponlle Fernando Suárez.

Exit mobile version