Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobadas axudas a asociacións veciñais por valor de máis de 100.000 euros

040515-xunta-gobernoA Xunta de Goberno aprobou este venres diferentes convenios de colaboración con varias asociacións veciñais da provincia para subvencionar os custes de diferentes actuacións, que responden a peticións veciñais, e que ascenden a máis de 107.000 euros.

As axudas foron solicitadas pola Asociación Veciñal de San Mamede de Ribas de Miño, no Concello de Lugo; a Asociación de Veciños de Carballido, no de Begonte; e a plataforma veciñal Terras do Saviñao, no Concello do mesmo nome.

A Asociación luguesa recibirá unha axuda de 18.612 euros para financiar o arranxo do camiño de Alongar, así como o acondicionamento dunha marquesiña no mesmo camiño; a mellora de dúas pistas en San Mamede e Ribas de Miño e a construción dun caño neste último núcleo. A dos veciños de Carballido recibirá 19.955 euros para acometer actuacións destinadas á recuperación da Casa Escola de Carballido, e a do Saviñao, 69.000 euros para a mellora de accesos e pistas de acceso a fincas de traballo e núcleos de vivendas en diferentes parroquias do Concello; o arranxo de fontes públicas; adquisición e instalación de mobiliario urbano e a colocación de carpintería exterior na igrexa parroquial.

Outros acordos
Outros dos acordos adoptados na Xunta de Goberno foi a resolución, de mutuo acordo, do contrato da obra de mellora da intersección da estrada provincial LU-P-3003 coa N-640, no punto quilométrico 55. As causas desta resolución son a falta de autorización de Fomento para actuar na estrada N-640 e a falta de terreos, pendentes de expropiación, tal e como recolle a acta de recepción parcial de dita obra. Os traballos pendentes teñen un importe de 50.000 euros.

Exit mobile version