Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro: “Se PSOE e BNG gobernasen hoxe, o polígono de Cuíña non podería albergar a nova piscifactoria”

Santiago, 6 de maio de 2015.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, lembrou que “se PSOE e BNG gobernasen hoxe, o polígono de Cuíña non podería albergar a nova piscifactoría anunciada onte polo Presidente da Xunta”. Socialistas e nacionalistas terían bloqueado a posibilidade de achegar un investimento de 20 millóns de euros e un proxecto que, segundo se confirmou este martes, permitirá xerar entorno a 70 postos de traballo.

Balseiro lembrou que “ata en dúas ocasións, PSOE e BNG votaron en contra das iniciativas formuladas polo PP e polo propio Balseiro para corrixir a decisión da Xunta bipartita que decidiu deixar fóra do plan acuícola ao polígono de Cuíña, impedindo calquera nova piscifactoría ou a ampliación das xa existentes”.

A primeira ocasión foi en decembro do ano 2007, no Parlamento de Galicia, cando PSOE e BNG votaron en contra dunha iniciativa da que era autor o propio deputado Jose Manuel Balseiro, instando ao daquela Goberno bipartito da Xunta a corrixir a decisión de excluír ao polígono de Cuíña da posibilidade de acoller novas piscifactorías.

Unha vez máis, en xaneiro de 2008, socialistas e nacionalistas votaron en contra dunha moción presentada polo PP no Pleno Municipal de Cervo na que se instaba á inclusión do polígono de Cuíña no plan galego de acuicultura tras a exclusión que fixo o bipartito.

Por fortuna, tras a volta do PP ao goberno autonómico, corrixiuse a decisión da Xunta bipartita de excluír este emprazamento do plan acuícola e incluso se incorporaron a maiores 150.000 metros cadrados de terreos nos arredores para desenvolver novos proxectos acuícolas

UN DOS MELLORES EMPRAZAMENTOS DE GALICIA
Balseiro insiste en que “Cuíña é un dos mellores emprazamentos de toda Galicia para albergar granxas para o cultivo de peixes”, como demostra o feito de que hoxe está situada alí unha das piscifactorías de maior produción de Galicia, algo que non sería posible se non presentase estas condicións óptimas.

Estas características positivas responden a aspectos de tipo xeográfico e ambiental: amplas superficies libres de terreo a escasa distancia respecto do mar, con gran calidade das súas augas e con estabilidade nos seus parámetros físicos, e moi en concreto, na salinidade e na temperatura.

Finalmente, Balseiro pide a socialistas e nacionalistas que “rendan conta en Galicia pola decisión política e non técnica de excluír a Cuíña deste plan acuícola e tamén deberan explicalo os responsables locais destes partidos, por votar en contra de xerar riqueza e postos de traballo neste concello e na comarca, como o tempo ten demostrado”.

Exit mobile version