Site icon Crónica3.com A Mariña

Carmen Veiga denuncia “o secuestro da democracia” ó constatar unha retirada masiva dos carteis colocados polos socialistas

Barreiros, 8 de maio de 2015.- A candidata á alcaldía de Barreiros –Carmen Veiga- denuncia “o secuestro constatable da Democracia” no inicio da campaña das municipais, ao comprobar que foron retirados todos os carteis que colocou o Partido Socialista en boa parte do municipio. Para a alcaldable “trátase dun proceder despótico e inxustificable”. Por iso, solicita o apoio da cidadanía “para acabar con estes comportamentos”.

“O 24 de maio preséntase como a oportunidade para cambiar este concello e crear un espazo de oportunidades para todos. E nisto nos aplicaremos con máis forza se cabe. Temos ilusión, ganas e, sobre todo, un gran proxecto e un gran equipo”, subliña.

“Barreiros, a provincia de Lugo, Galicia e o noso país, non se merecen este ataque á Democracia, xa que, en definitiva, vulnera a soberanía do pobo que debe elixir aos seus representantes mediante eleccións libres. O PSOE mariñano non pode deixar pasar isto, sen poñer en coñecemento de todos o pouco respecto que existe polo dereito á publicidade electoral”, insiste.

Non é un feito alleo
“Certamente, este tipo de comportamentos non nos resultan estraños. Non son un feito alleo”, engade. E é que nas pasadas eleccións europeas, o PSOE tampouco puido facer a tradicional pegada de carteis. “A pesares das trabas ocasionadas, aos socialistas de Barreiros non nos van a parar”, conclúe Veiga.

Exit mobile version