Site icon Crónica3.com A Mariña

Ciudadanos permitirá o acceso de mascotas na praia do Penoural de Burela

Burela, 1 de maio de 2015.- Ciudadanos Burela comprométese no seu programa electoral a modificar a normativa local que actualmente impide a presenza de animais de todo tipo nas praias do municipio e permitir o acceso de mascotas na praia do Penoural.

Dende C’s recordan que esta iniciativa vén sendo solicitada dende hai varios anos por un número considerable de propietarios de animais de compañía en Burela. “Cremos que é perfectamente posible habilitar a praia do Penoural para o uso e desfrute de persoas con animais, só fai falta verdadeira vontade de facelo e non simples anuncios de estudar as cousas como fixo nestes dous últimos anos o PP á fronte do Goberno local” indicou Manuel Vicente, candidato de C’s ás municipais do próximo día 24.

O responsable local de Ciudadanos recordou que o Goberno municipal se comprometeu a estudar unha iniciativa similar en 2013 sen que ata o momento se fixese nada ao respecto. “Tiveron maioría absoluta e tempo de sobra para modificar a normativa e habilitar espazos nalgunhas praias do municipio para permitir a presenza de animais e non o fixeron. Esta actitude é a mostra máis palpable da súa desidia sobre o tema e o seu absoluto desinterese e desprezo cara aos veciños deste municipio que posúen animais de compañía” recalcou.

Protección Animal
Outra das medidas que recollerá Ciudadanos no seu programa electoral será o seu compromiso de fiscalizar que se cumpran a lexislación vixente en materia de protección dos animais. “Para evitar o abandono de animais de compañía realizaremos campañas de concienciación, especialmente entre os máis novos, así como de esterilización e de implantación de chip nos animais” avanzou o alcaldable de Ciudadanos Burela.

Exit mobile version