Haberá tres premios, que serán decididos por un xurado profesional, para as tres mellores tapas presentadas a concurso; dous premios que decidirá o público: a mellor tapa e a mellor barra; e o premio “Tapa de Ribadeo”, que será para a mellor realizada con produtos da zona.
Ribadeo está dividido en 4 zonas de tapeo e aquelas persoas que percorran 8 establecementos de cada zona e consigan polo menos 8 selos participarán no sorteo de diferentes agasallos: sorteos de ceas para dúas persoas en varios locais de Ribadeo, un vale de compra de 100 euros para gastar na praza de abastos, un paquete de estética, un curso de surf de tres días para dúas persoas, noites de aloxamento e almorzo na ruta do viño do Ribeiro ou noites de aloxamento en Ribadeo.
Durante estes días haberá actividades paralelas na localidade ao concurso gastronómico. Mañá, sábado, ás 12 horas na praza de abastos Ana Oca, concursante galega de Masterchef Junior participará nun obradoiro dirixido aos máis pequenos da casa e denominado Moldea as túas galletas animadas. E o domingo de 09.30 a 12.30 horas en Rinlo haberá unha actividade de anelamento de aves no que os asistentes “coñecerán o fenómeno das migracións e aprenderán a identificar diferentes especies de aves que habitan na rasa costeira de Rinlo, en pleno ZEC As Catedrais”. E tamén o domingo en Remourelle de 12.00 a 15.00 horas haberá unha exhibición de xogos tradicionais de bolos. As sobremesas culturais do Ribadeo de tapeo seguirán o mércores e tamén os días 16 e 17 de maio.