Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan este sábado no Vicedo os III Obradoiros gastronómicos ‘Á Beira do Mar’ e os ‘talleres de mar infantil’

O Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal, en colaboración coa Federación de Comercio da Mariña, inicia esta fin de semana os III Obradoiros Gastronómicos “Á Beira do Mar” na localidade do Vicedo.

Consistirá en realizar ó longo dos meses de maio e xuño, en distintas vilas mariñeiras da zona da Mariña e Ortegal, un total de 12 Obradoiros Gastronómicos.

Nun ámbito aberto, con acceso libre para o público (lonxas, mercados, prazas…..) montarase unha instalación de cociña portátil. O cociñeiro Suso Liste, da Escola de Hostalería de Foz, realizará á vista do público elaboracións sinxelas de cociña con produtos do mar da zona que estean en tempada. Será o encargado de ensinarnos
cómo limpar e cociñar o peixe, cómo racionar un peixe, para saber o rendemento, cómo cociñalo, tanto en formato rápido como máis pousado, aproveitamento do mesmo para sopas fumets, etc.

Lucas Requejo, de Prato-Do, será o encargado de explicar o aporte nutricional de cada receita, o estudo económico para mirar de rentabilizar as nosas comidas aproveitando os recursos da zona e as tempadas, explicando os soportes elixidos e facendo algunha reseña histórica no seu caso. O acompañamento elixido para cada receita,
será de produción ecolóxica e da contorna próxima.

Invitarase ao público a participar, mostrándolles como tratar os produtos na cociña, dende a limpeza dos peixes ou mariscos, á terminación e presentación dos pratos.

Para axudar á tanxibilización e ao recordo do evento, entregarase aos asistentes as receitas das elaboración realizadas polo cociñeiro, ademais doutro material promocional da zona. Deste xeito, poténciase ademais o consumo do produtos das lonxas e a imaxe do GAC 1 e da Federación de Comercio da Mariña.

Estes obradoiros teñen un dobre obxetivo, a divulgación gastronómica dos produtos do mar da nosa zona costeira e ser un punto de atracción de público e de promoción das nosas vilas.

Os obradoiros desenvolveranse en 12 dos concellos incluídos no territorio do GAC 1 A Mariña-Ortegal, concretamente na Mariña realizaranse os seguintes:

– 23 de maio, en O Vicedo na C/ Ciudad de Mondoñedo (Casa da Cultura) de 16.30 a 20.30 horas.

– 30 de maio, en Xove no Campo da Festa de 17.30 a 20.30 horas.

– 30 de maio, en Viveiro na Praza da Fontenova de 11.00 a 14.00 horas.

– 6 de xuño, en Barreiros na Praza do Concello de 11.00 a 14.00 horas.

– 20 de xuño, en Ribadeo na Praza de San Roque de 11.00 a 14.00 horas.

– 20 de xuño, en San Cibrao (Cervo) no Clube Náutico de 17.30 a 20.30 horas.

– 27 de xuño en Burela, na Praza do Concello de 11.00 a 14.00 horas.

– 27 de xuño, en Foz na Praza Conde Fontao de 17.30 a 20.30 horas.

O resto de Obradoiros realizaranse na zona de Ortegal: o 7 de xuño en Ortigueira, o 21 de xuño en Cariño e O Barqueiro e 28 de xuño en Cedeira.

Con motivo das actividades propostas polo Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal (GAC 1), para a promoción do produto do mar dende A Mariña Lucense ata Ortegal, preséntanse tamén uns obradoiros para os nenos/as dos Concellos nos que terá lugar a intervención.

Mañón, Cariño. Cedeira, Ortigueira, O Vicedo, Viveiro, Cervo, Xove, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo, serán o escenario destas actividades que se realizarán os sábados e os domingos dende o 23 de maio ate o 28 de xuño do 2015.

O obxectivo é achegar ós máis pequenos ó mundo mariño.

A actividade constará duns obradoiros de pintura, nos que os alumnos representarán o mundo mariño, con todos os seus animaliños e plantas, así como personaxes fantásticos que eles mesmos queiran incorporar.

A actividade será de carácter aberto, poderán participar nenos e nenas de tódalas idades.

Exit mobile version