Site icon Crónica3.com A Mariña

Concentración de Queremos Galego o 17 de maio ás 12 h nas Catro Rúas de Ribadeo

15 de maio de 2015.- A plataforma Queremos Galego, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e conformada por máis de 700 entidades so o obxectivo de defender a lingua de Galiza, convoca concentracións que se van realizar nas sete cidades galegas e en Ribadeo o vindeiro 17 de maio ás 12 h.
A convocatoria terá lugar baixo o lema Galego, garantía de futuro, porque a existencia e a normalidade da lingua galega é a garantía da existencia e do futuro do pobo galego pois ningún pobo pode aspirar ao progreso e ao avance social de costas á súa lingua.

Na Mariña vai ser en Ribadeo nas Catro Rúas ás 12 h. Na concentración en defensa da nosa lingua haberá música en galego, recitaranse poemas sobre a lingua galega de diferentes autores e autoras da nosa literatura e farase a lectura do manifesto de Queremos Galego.

O galego garantía de futuro, ten pasado e presente. É a máis grande obra colectiva do pobo galego. Galiza, o galego, non desaparecerá mentres non deixemos de usalo, mentres nós reivindiquemos a súa normalidade e actuemos no noso día a día para revitalizalo.

Usámolo os 365 días do ano, os sete días da semana e as 24 horas do día, non só o 17 de maio. Insistimos no uso da lingua porque é a nosa, a de todos e todas as galegas, e queremos que viva e vivir nela, porque é a existencia de Galiza e porque existir é a nosa maior necesidade.

O futuro do galego, o noso máis importante sinal de identidade colectiva, é unha demanda social, a da nosa existencia colectiva, que os gobernos deben ouvir e atender para actuar. A garantía de futuro do noso país é o galego.

Queremos galego, e activámonos como sociedade para telo e repolo nas rúas, nas escolas, nos parques, nos centros de traballo, nos medios de comunicación, na música, na literatura, na saúde, na xustiza e na administración. Queremos galego e precisamos pasos adiante, non retroceder sobre os acordos, para reverter por fin un proceso de substitución lingüística que nos debilita e nos limita como país.

Por iso o domingo 17 de maio ás 12 h estaremos nas Catro Rúas de Ribadeo para dicir: Queremos Galego, Queremos Galiza con futuro!

Exit mobile version