Site icon Crónica3.com A Mariña

Darío Campos lamenta que o alcaldable do PP “falte dunha maneira tan descarada á verdade” no que se refire ós soldos do Concello

A Pontenova, 15 de maio de 2015.- O candidato á alcaldía de A Pontenova e actual alcalde o municipio –Darío Campos- lamenta que o alcaldable do Partido Popular “falte dunha maneira tan descarada á verdade” no que se refire aos soldos que cobran tanto o rexedor como o concelleiro de Obras –Francisco Martínez Bermúdez-.

O socialista fai esta aclaración porque ambos os dous teñen unha dedicación parcial de 7 horas, que lles permite dedicarse ás funcións que esixe tanto a alcaldía como os traballos particulares que desempeñan dentro da súa profesión.

Por este motivo, Campos considera “moi rastreiro que se intente enlodar a xestión municipal con este tipo de afirmacións, pois estamos a falar dunha información pública que todos os veciños e veciñas poden consultar no Boletín Oficial da Provincia”. “Estamos a falar dunha cuestión que non é secreta. Nós non necesitamos agocharnos, por iso fomos os primeiros que quixemos que estes datos fosen totalmente transparentes. É máis, incluso nos últimos anos os nosos salarios sufriron unha baixada de 250 euros ao mes, o que supón que deixamos de cobrar 3.000 euros anuais”, aclara o candidato do PSOE.

“Máis altura de miras”
Tendo en conta que as declaracións do alcaldable do PP “son un auténtico despropósito, coas que só se busca desprestixiar o traballo feito ao longo destes anos”, o alcaldable socialista recoméndalle ao seu hómologo do Partido Popular “máis dignidade política e máis altura de miras”, xa que “nós a diferenza del, si que vivimos en A Pontenova, temos o noso traballo en A Pontenova e pagamos os nosos impostos en A Pontenova”, conclúe.

Exit mobile version