Site icon Crónica3.com A Mariña

Dende que Lugo desaloxou ao PP da Deputación, nunca a provincia tivo un nivel tan alto de servizos públicos

Lugo, 6 de maio de 2015.- O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou este mércores que, dende que “Lugo desaloxou ao Partido Popular da Deputación, nunca a provincia tivo un nivel tan alto de servizos públicos”. A democracia e a transparencia entraron nesta entidade provincial coa chegada de Besteiro e o seu equipo de goberno no ano 2007, un goberno que “saldou todas as débedas que o PP tiña coa provincia e fixo investimentos cun forte retorno económico”, mantendo ao mesmo tempo unhas contas totalmente saneadas e estables. Dos 122 millóns de euros que deixou o PP, Gómez Besteiro deixa a débeda a cero.

O secretario xeral lembrou neste senso que o Goberno provincial dos socialistas pagou os 11 millóns de euros do canon hidroeléctrico a 16 concellos, adebedados durante décadas polo Partido Popular; construíu sen ningún apoio da Xunta o 1º centro público de recría de gando de España e unha rede provincial de residencias e centros de día públicos para a terceira idade; creou a sede da UNED, coa que Lugo non contaba, e desbloqueou a posta en marcha dos parques de bombeiros da provincia.

Servizos sociais e emprego
Nos últimos 8 anos, a Deputación incrementou un 90% os investimentos en servizos sociais, garante a prestación do Servizo de Axuda no Fogar e o de teleasistencia domiciliaria despois de que Feijóo e Rajoy reduciran a cero as axudas aos concellos; loita e mesmo pon os cartos enriba da mesa para implantar o servizo de Hemodinámica as 24 horas no hospital lucense, e mantén as campañas para favorecer as matriculacións no Campus Universitario de Lugo, mentres a Xunta recorta tanto os fondos, que mesmo o vicerreitor asegura que nin chegan para pagar as nóminas, un caso único na Universidade pública galega.

O Goberno de Gómez Besteiro multiplicou por 370 veces os investimentos en emprego dende o 2007 e implantou cláusulas sociais que blindan os dereitos dos traballadores. A Deputación pasou de ser declarada polo Valedor do Pobo “hostil e entorpecedora” cando gobernaba o Partido Popular a ser hoxe a 6ª máis transparente de toda España, grazas á implantación de numerosas medidas, entre elas a elaboración de Orzamentos Participativos, a primeira institución provincial do país en levalos adiante.

A todo isto súmase unha “eficaz e responsable” xestión das contas públicas, grazas á que hoxe a Deputación lucense “ten débeda cero”.

O secretario xeral do PSdeG invitou, unha vez máis, ao Presidente da Xunta a que visite Lugo e coñeza a súa realidade, e que deixe de castigar e discriminar aos lucenses, despois de que nin contestase ás 10 peticións de entrevista que lle fixo, nin á invitación para coñecer o centro de recría.

Exit mobile version