Site icon Crónica3.com A Mariña

Entregaranse este venres os premios do V Certame ‘Curtas para Rosalía’

Lugo, 6 de maio de 2015. Unha Rosalía “de cine” protagonizará a gala de entrega do premio de curtas da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) na Deputación de Lugo. Coa presenza do responsable da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, e o presidente da AS-PG, Xoán Costa, o venres 8 de maio ás 20.30 entregarase no Salón de Actos do Pazo de San Marcos os premios do V Certame “Curtas para Rosalía”. O acto será presentado pola poeta Lucía Aldao e nel proxectaranse as tres curtas finalistas desta V edición e a curta gañadora do premio á mellor curta das cinco edicións. Ademais, proxectarase o documental producido pola AS-PG “I ante aquel silencio mudo”.

Tres finalistas
Un xurado composto pola actriz Isabel Naveira; o programador do CGAI e crítico de cine, Xosé Manuel Sande; e o director e guionista Raúl Veiga; e coordinado por Anxa G. Refoxo, en nome da AS-PG, é o encargado de escoller a mellor curta das 19 presentadas. En xuntanza desenvolvida o pasado 4 de maio foron xa seleccionadas as tres finalistas: ‘As primaveras do Barrio do Cura’, de Miriam Rodríguez, ‘Negra Sombra’, de Xoana Santos e Estela Suárez, e ‘#Rosaliatwitteira’ de Millán Castro e Maria Chiavegatto.

A poeta Lucía Aldao será a encargada de conducir un acto no que unha Rosalía de cine será a protagonista nos tres traballos audiovisuais que se poderán ver ao longo da gala na que se entregarán os dous premios desta edición de “Curtas para Rosalía”. Un deles entregarase á curta seleccionada polo xurado entre as 19 presentadas nesta nova convocatoria da que xa se coñecen as tres finalistas, que serán proxectadas na sesión. O outro, creado para conmemorar esta quinta edición, premiará á mellor curta de entre as premiadas na historia do certame.

Na gala de entrega dos premios proxectarase ademais o documental “I ante aquel silencio mudo”, unha das máis novas iniciativas da AS-PG encadrada dentro do seu proxecto de difundir unha imaxe da escritora “rebelde, rompedora, conscientemente galega”, como define presidente da entidade, Xoán Costa.

“A Rosalía de sempre nunha interpretación actual”, é a lenda da promoción dunha curtametraxe que conta con guión de Millán Castro e Marina Chiavegatto e a participación de dous grandes especialistas na obra e na figura da escritora, Francisco Rodríguez e Pilar García Negro. A música corresponde ao grupo Tempo Catro. Convócanse así tamén neste novo proxecto os protagonistas e autores doutras dúas iniciativa da AS-PG co fin de afondar e difundir na obra da escritora fundadora da nosa literatura. De Tempo Catro publicaron con anterioridade o CD “Os ollos que falan” no que o grupo musica once poemas de Cantares Gallegos nunha visita a unha Rosalía actual e viva, con enerxía e forza diante de temas emocionais e sociais. Ritmos de valse ou fado, salsa, xota, mazurca ou pasodobre para cantar poemas que se achegan á conciencia sobre Galiza ou ao amor e o desamor entre outros temas.

Pola súa parte, o gran investigador na obra e na biografía de Rosalía de Castro Francisco Rodríguez participa tamén neste novo proxecto despois de publicar coa AS-PG o volume Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, un percorrido arredor da persoa e a obra da poeta tamén “de onte a hoxe”.

Exit mobile version