“É moi importante saber que se a corrente nos leva ata o interior da praia non debemos perder a calma e intentar saír cara a un lado, non loitar contracorrente. Á hora da entrada na auga deberemos ter un punto de referencia fixo, por se aparece algún inconveniente” continuou explicando Estitxu sobre as medidas básicas do surf, ademais de destacar a táboa Málibu ou evolutiva como a máis adaptada para principiantes, entre o material necesario xunto ao traxe, quillas ou a parafina.
Tras facer un breve percorrido pola historia do surf, deporte que comezou a practicarse na Mariña a mediados da década dos 90, Estitxu tamén deu a coñecer as diferentes modalidades e as particularidades da nosa bisbarra. “É unha zona axeitada para realizar surf, sobre todo no inverno, debido á ondada das súas praias” indicou a deportista vasca, destacando o crecemento da súa práctica na Mariña e a idoneidade de areais coma Pampillosa, A Rapadoira ou Arealonga para iniciación, Peizás para nivel intermedio ou Rinlo para avanzado, xunto a outras máis versátiles, coma A Marosa, apta para aprendices ou experimentados, dependendo do estado do mar.
As IV Xornadas do Deporte de Imdecum continuarán o xoves, 21 de maio, cos burelaos Alberto Méndez e Martín Fernández, subcampións do Mundo de fútbol gaélico coa Selección Galega.
Xoves 21 de maio
“Fútbol gaélico. Inicio dun deporte en Galicia”
D. Alberto Méndez e D. Martín Fernández (Subcampións do Mundo de Fútbol Gaélico coa Selección Galega)
IES Monte Castelo (Aula de Usos Múltiples), ás 17:45 h.