Site icon Crónica3.com A Mariña

Fallado o segundo concurso de debuxo sobre a música en Ribadeo

Ribadeo, 26 de maio de 2015. A asociación Amadores da Música fixo público o fallo do segundo concurso de debuxo sobre a música en Ribadeo no que participaron alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO dos centros educativos ribadenses Sagrado Corazón e Dionisio Gamallo neste curso 2014-2015.

Amadores da Música “quere agradecer ao colexio Sagrado Corazón e ao IES de Ribadeo Dionisio Gamallo o esforzo realizado co fin de levar adiante un concurso de debuxos entre os/as alumnos/as de 3º e 4º da ESO co tema A música en Ribadeo, concurso que esta asociación lles propuxo ás direccións dos centros e ao profesorado implicado na materia e que tan gustosamente aceptaron; moitas grazas a todos/as. Debido á gran participación dos dous centros vémonos na obriga de escoller entre tantas obras de arte sete debuxos que serán utilizados como carteis anunciadores dos concertos da Banda de Música Municipal de Ribadeo así coma tamén nos programas de man. O criterio a utilizar para a publicación do debuxo que vai representar o concerto non é outro máis que aquel que garde algunha relación ou cando menos se aproxime á temática de dito concerto”.

A asociación engade: “non é a nosa intención actuar de xurado nun terreo descoñecido para nós coma pode ser neste caso a pintura, por iso pedimos desculpas e esperamos que o fallo do xurado sexa compartido por todos/as. Nesta ocasión os elixidos/as do curso escolar 2014-2015 son:

-Ana Peña Ares 3º Sagrado Corazón
– Marta Portela Besteiro 3º Sagrado Corazón
– Larissa Dos Santos Lópes 4º Sagrado Corazón
– María García Martínez 3º IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
– Gabriela Rodil García 3º IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
– Iago Freije Mariño 4º IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
– Florencia Belén Balverde 4º IES de Ribadeo Dionisio Gamallo” .

Concerto das Letras Galegas

En canto ao concerto para conmemorar o Día das Letras Galegas, que terá lugar este sábado 30 de maio ás 20.30 horas no Cine Teatro de Ribadeo, o director da Banda de Música Municipal de Ribadeo, David Ballester, explicou que “vai ser todo o repertorio baseado en música tradicional galega e en obras compostas por galegos. Tocaremos obras que están creadas expresamente para banda así como outras que están compostas para orquestra e arranxadas para banda”.

David Ballester destacou que “neste concerto volvemos ter a sorte de poder incorporar 3 novos músicos, dúas rapazas coa frauta, Paula e Eva, e un compoñente máis de clarinete, Alberto, que tamén se nos uniu estas semanas. Entón pouquiño a pouco a banda vai medrando e vamos formando un grupo máis amplo. Invito a toda a xente de Ribadeo e aos que non sexan de Ribadeo e que estean por aquí ese día a que se acerquen ao Cine Teatro e poidan gozar e esperemos que lles guste todo o repertorio que seleccionamos para este concerto”.

Exit mobile version