Site icon Crónica3.com A Mariña

José Manuel Barreiro destaca a estable e acelerada creación de emprego no último ano

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, destacou este mércores, durante unha rolda de prensa celebrada xunto aos deputados nacionais e os senadores populares, que os datos de paro correspondentes ao mes de abril poñen de manifesto “a estable e acelerada creación de emprego no último ano, cunha baixada nas cifras de paro en todas as Comunidades Autónomas”.

O portavoz dos populares na Cámara Alta valorou como “moi positivos” os datos de paro correspondentes ao mes de abril, cunha baixada de 118.923 persoas, “o maior descenso en toda a serie histórica”, remarcou.

Así mesmo, Barreiro resaltou os datos de afiliación á Seguridade Social, cun incremento de 175.495 persoas, recuperando o nivel dos 17 millóns de afiliados. “Estes datos demostran -subliñou- que o obxectivo de chegar aos 20 millóns de ocupados ao final da seguinte Lexislatura é cada día máis real e posible”.

CONTRATOS INDEFINIDOS
En canto ao número de contratos rexistrados no mes de abril, o portavoz do PP recordou que os novos 1.440.381 contratos asinados supoñen unha subida por encima do 11% respecto ao mesmo mes do ano 2014.

Ademais, o número de contratos indefinidos segue crecendo, asinándose 123.459 o pasado mes. Segundo José Manuel Barreiro, “estas cifras demostran que segue mellorando a creación de emprego de calidade”, aínda que recoñeceu que hai que seguir traballando para afianzar a recuperación económica de España.

CREACIÓN DE EMPREGO EN GALICIA
Durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación, o presidente dos populares lucenses tamén quixo valorar as cifras de paro correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia, cun descenso no número de parados de 7.376.

Na súa opinión, “os bos datos demostran que as políticas e reformas levadas a cabo polo Goberno de Mariano Rajoy irán na boa dirección” e eran necesarias para que España volvese á senda da recuperación económica e á creación de emprego estable.

En canto á provincia de Lugo, o paro rexistrado no mes de abril baixou en 882 persoas, a maior redución do desemprego en términos relativos na comunidade galega, cun 3,54 por cento menos no número de parados.

O número de parados na provincia situouse no mes de abril nas 24.039 persoas, segundo os datos rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego. En variación interanual, a provincia galega cun maior descenso relativo tamén foi Lugo, cunha caída do 11,02 por cento, é dicir, 2.977 desempregados menos que no mes de abril de 2014. Con respecto aos contratos, en Lugo subscribíronse 7.276, o que supón un incremento en 725 máis con respecto ao mes anterior.

ESTABILIDADE E REFORMAS
José Manuel Barreiro afirmou que tanto a baixada do paro como as mellores previsións económicas para este ano, “constatan que a recuperación económica é firme e sólida”, aínda que sinalou que a creación de emprego “seguirá sendo a prioridade do Goberno do Partido Popular.

A nova revisión ao alza do crecemento de España para este ano, fixada no 2,9%, así como a previsión de creación de emprego, máis de 600.000 novos postos en 2015, “demostran que a ambiciosa axenda reformista que puxo en marcha Mariano Rajoy fai tres anos era a acertada e está dando resultados”.

Así, Barreiro apuntou que a previsión do Executivo entre 2015 e 2018 é crear en torno ao medio millón de empregos cada ano, para poder recuperar os 20 millóns de traballadores unha vez que conclúa a próxima Lexislatura.

Para iso, o portavoz do PP resaltou as reformas estruturais a nivel nacional que vai emprender Mariano Rajoy, así como as reformas que se acometerán desde a Unión Europea, tales como a maior integración fiscal e unha política económica que impulse o investimento e o crecemento.

En canto ás reformas estruturais que se poñerán en marcha en España durante este ano, Barreiro fixo fincapé naquelas que van dirixidas á loita contra o desemprego; o fomento do crecemento e a competitividade; a eficiencia das Administracións Públicas e a loita contra a fraude fiscal.

Para rematar, o presidente do PP de Lugo puxo de relevo as declaracións do comisario europeo de Estabilidade Financeira, que este martes asegurou que España está “indicando o camiño” do crecemento en Europa, ademais de valorar moi positivamente as cifras de creación de emprego e crecemento económico do noso país. “En Europa recoñecen claramente que España crece máis rápido que os países da nosa contorna e que as cifras de crecemento son impresionantes”, concluíu.

Exit mobile version