Site icon Crónica3.com A Mariña

Lídia Senra denuncia a “hipocrisía” de PP e PSOE con respecto á crise de prezos no sector leiteiro

Bruxelas, 6 de maio de 2015.- Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) denunciou este mércores dende o Parlamento Europeo en Bruxelas “a hipocrisía” do grupo Popular Europeo e do grupo Socialista Europeo, “que habitualmente votan sempre xuntos en temas que son de máxima importancia para as nosas vidas, decisións que, normalmente, aféctannos negativamente”.

En concreto, a eurodeputada galega referiuse hoxe á actual situación crítica do sector leiteiro, onde, na Galiza, as produtoras e produtores de leite están vivindo unha das peores crises dos últimos anos, “con contratos a 24 céntimos e moito leite liquidado a 21 céntimos”, o que fai “practicamente imposible” sobrevivir no sector.

Esta situación “ten unha orixe”, lembrou Senra, o denominado ‘Paquete lácteo’, “que foi aprobado na Unión Europea tanto polo Partido Popular (PP) como polo Partido Socialista (PSOE) o 15 de febreiro do ano 2012”, precisou.

Nestes momentos dende o grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) -no que AGEe está integrada-, “estamos tentado plantexar propostas para cambiar esta situación”, para “poñer fin ao ‘Paquete lácteo'” e para que haxa “unha verdadeira política leiteira pública que permita aos gandeiros e gandeiras poder vivir do seu traballo”.

Sen embargo, alertou Senra, iniciativas levadas adiante neste sentido, como a proposta dunha pregunta oral para debater en sesión plenaria sobre a actual situación do sector ou a proposta dunha moción pra debater unha resolución neste eido, “están bloqueadas porque ningún destes grandes partidos as apoia para que podan ser debatidas no Pleno”.

Aliás, ademais de tentar frear as propostas realizadas dende o GUE/NGL para traballar por impedir a destrución das pequenas e medianas produtoras que integran actualmente o sector leiteiro, o PP e o PSOE “tampouco presentan ningunha alternativa críbel nin seria para poñer solución á situación de crise que se está a vivir neste momento”.

“É extremadamente importante sacar a estes partidos das institucións”, alentou a deputada de AGE en Europa, tamén dos concellos, “porque moitas veces utilizan a posición que teñen nas institucións locais para dicir que están ao noso favor e sen embargo logo veñen aquí a Bruxelas e votan sempre en contra”.

Exit mobile version