Site icon Crónica3.com A Mariña

Llano avanza que o Concello de Burela recuperará dous selos de calidade ambiental para as praias

Burela, 28 de maio de 2015.- O Alcalde electo de Burela, o socialista Alfredo Llano, avanzou este xoves que, unha vez conformada a nova corporación e o equipo de goberno, o Concello solicitará á Deputación de Lugo entrar de novo no proxecto para conseguir as marcas de calidade ambiental ISO 14001 e EMAS para as praias burelesas, un distintivo que o goberno do PP, “de xeito incomprensible, decidiu rexeitar, a pesar de que é totalmente gratuíto para os concellos”.

Llano subliñou que as marcas ISO 14001 e EMAS, as de maior rigor a nivel internacional no eido da protección ambiental, supoñen “un valor engadido e un atractivo turístico máis que non podemos desaproveitar”. O rexedor electo lamentou neste senso que o goberno municipal do PP se negase durante catro anos a renovar estes distintivos que acadaran no 2011 as praias da Marosa, Portelo e Ril, cando ten custe cero para o Concello, pois a Deputación asume a renovación dos selos. O regreso de Burela ao proxecto provincial de calidade das praias tería lugar para o vindeiro verán, dado o avanzado da presente tempada.

Dedicación total a Burela
Ademais de seguir avanzando as primeiras medidas que tomará cando tome posesión, Alfredo Llano subliñou que, a partir do 13 de xuño, data fixada para constitución das corporacións locais, dedicarase en exclusiva a Burela durante os catro anos de mandato, sinalando deste xeito que deixará de ser deputado provincial. “Seguirei indo á Deputación, pero para pedir cousas para Burela”. “Dende o mesmo luns 14 de xuño, eu e todos os concelleiros teremos as portas abertas para escoitar aos veciños. Seremos un goberno aberto, transparente e participativo”, recalcou.

Exit mobile version