Site icon Crónica3.com A Mariña

Lorena Seivane comprométese a darlle a San Martiño de Mondoñedo a relevancia que realmente merece

Foz, 15 de maio de 2015.- Lorena Seivane, candidata á alcaldía do Bloque Nacionalista Galego- Asembleas Abertas en Foz, explicou este xoves diante da veciñanza da parroquia de San Martiño que vai ser unha prioridade na acción do goberno municipal darlle a relevancia que realmente ten a San Martiño e á súa historia.

Segundo afirmou Lorena “é un feito que hoxe San Martiño aínda está infravalorado na súa importancia e pouco promocionado por parte das distintas administracións, desde o propio Concello ata a Xunta ou o Estado”. Hai que pensar que a Basílica de San Martiño de Mondoñedo é a igrexa románica máis antiga da península ibérica e que os seus frescos son dos máis singulares e mellor conservados de Galiza. Con estes avais, o BNG pensa que en calquera outro lugar de Europa e mesmo do Estado, as administracións envorcaríanse sen dúbida para que se recoñecese e visitase, realizando ao mesmo tempo plans para a súa conservación e mellora.

O BNG para iso e como primeira medida abrirá un Centro de Interpretación do Románico na casa reitoral, un proxecto do BNG no bipartito que o PP deixou morrer cando as instalacións estaban listas. Dentro dos locais habería unha exposición permanente da historia de San Martiño, proxeccións de imaxes e museo coas reliquias e demais documentos relativos á mesma, a maioría deles hoxe fóra do lugar do que eran orixinais. Tamén crearase, en colaboración cos demais concellos implicados, unha ruta do románico, para fomentar non so o turismo cultural senón para revitalizar economicamente a comarca e sobre todo o medio rural que actualmente sofre un grave abandono. Outra das medidas sería abrir un albergue de peregrinos na zona, aproveitando algunha instalación hoxe infrautilizada, axudando así a promocionar a variante marítima da Ruta Norte do Camiño de Santiago.

Lorena declarou que “de todo isto non so se beneficiará San Martiño e Foz senón toda a Mariña porque nós consideramos a comarca como un todo e non como partes irreconciliables. Será para o BNG-AA un reto conseguir tanto éxito con marabillas naturais como As Catedrais con marabillas histórico-artísticas como son a Basílica de San Martiño de Mondoñedo ou os monumentos románicos da comarca”. Sen dúbida que isto sería un empuxón económico importante e unha posta en valor do noso idioma, da nosa cultura e da nosa historia.

Lorena Seivane, candidata á Alcaldía do Concello de Foz

Exit mobile version