Site icon Crónica3.com A Mariña

Malestar por un proxecto de planta satélite de gas natural licuado en Mondoñedo

Mondoñedo, 18 de maio de 2015.- A Asociación de Veciños Vilaoriente comunica que presentou alegacións de oposición á solicitude da empresa Gas Galicia SDG S.A., sobre a autorización administrativa para a rede de distribución de gas natural canalizado en Mondoñedo, e dunha Planta Satélite de Gas Natural Licuado (GNL) como sistema de subministración da devandita rede de distribución. E manifesta que o seu rexeitamento éo en canto á posibilidade de que esta instalación da rede de distribución de gas natural canalizado no núcleo de Mondoñedo, implique a construción dunha planta satélite de GNL en Pelourín.

Esta Asociación de Veciños Vilaoriente rexeita rotundamente a Planta Satélite de GNL na súa situación proposta de Pelourín tanto por motivos urbanísticos, como ambientais. Ademais, da análise do expediente e do proxecto despréndense unha serie de erros, inexactitudes, omisións e mesmo falsidades, que por si soas serían causa abondo para a súa non autorización do proxecto non conforme a dereito.

Hai que sinalar que neste tipo de proxecto se requiren a autorización e a aprobación non só atendendo a criterios técnicos gasísticos, senón que tamén en canto a criterios de planificación territorial, urbanísticos, ambientais e culturais. E que ademais é preceptivo que se “consideren todos e cada un deles”. E que é obriga da Administración comprobar e verificar antes da autorización e da aprobación, se os proxectos presentados son susceptibles de ser desenvolvidos.

Esperamos e confiamos que a nova corporación mindoniense se postule por unanimidade contraria á construción da Planta Satélite de GNL en Pelourín, e articule os medios necesarios para unha situación máis idónea. E pedimos un pronunciamento claro, preciso e rotundo dos representantes políticos en contra da situación proposta de Pelourín.

Esta Asociación de Veciños entende que acontecementos como a recente explosión e incendio da Planta de GNL en Cangas, evidencian unha vez máis o carácter perigoso deste tipo de instalacións e do grave erro que podería supoñer a situación dunha Planta Satélite de GNL en Pelourín. Máxime cando este Concello dispón de chan con aptitude urbanística adecuada para este tipo de instalacións como é o Parque Empresarial. Pois non debe esquecerse que unha Planta de GNL almacena e transforma gas licuado, e é susceptible de orixinar riscos graves por explosións, combustións, e outras de análoga importancia para as persoas e/ou os bens.

Por último, esta Asociación de Veciños quere manifestar o seu malestar pola proliferación de explotacións industriais nun ámbito que o plan municipal reserva como solo de protección paisaxística, e onde os veciños non podemos obter a viabilidade das nosas explotacións do sector primario ó non poder modernizalas ou modificalas. Resulta imposible obter unha licenza urbanística ou de actividade para montar unha corte ou granxa, un invernadoiro, unha planta hortícola etc. E tampouco podemos modificar nin ampliar as nosas vivendas. Non obstante, existe a posibilidade da construción dunha Planta de Gas Natural Licuado. Ademais de ter aquí xa situado o vertedoiro de lixo municipal (iso si clausurado), e dúas subestacións eléctricas. E todo iso na Parroquia dous Remedios.

Exit mobile version