O conselleiro sinalou que este tipo de iniciativas permiten “facer máis industria en Galicia”, un proceso que responde aos obxectivos marcados pola Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. Esta, explicou Conde, busca fixar tecido industrial na Comunidade, potenciando unha industria competitiva, intelixente, diferenciadora e xeradora de emprego. Esta folla de ruta, que pon o foco nas necesidades concretas das pequenas e medianas empresas, ten entre os seus obxectivos incrementar o peso da industria no PIB da comunidade ata acadar o 20% no ano 2020.
“Temos que traballar nesa dirección, e exemplos como Mamut Technology animan a ver o peso da industria en Galicia dunha forma global, contando no rural, en Barreiros, con proxectos industriais moi importantes”, subliñou Conde, quen resaltou o papel do polígono municipal no desenvolvemento da actividade empresarial. “Infraestruturas como esta permitan desenvolver este tipo de proxectos”, salientou.
Neste contexto, o conselleiro destacou a aposta que está a facer a Xunta por ofertar solo industrial a un prezo competitivo, obxectivo do programa de abaratamento de solo incluído na Axenda, que contempla rebaixas de ata o 50% no custo do metro cadrado e financiamento, a través do Igape, de ata o 40% do custo dos proxectos. O Barreiros é un dos parques empresariais beneficiados, o que ten permitido a venda de 11 parcelas de Xestur que suman máis de 8.000 metros cadrados.