Site icon Crónica3.com A Mariña

Marco López esixiulle ao PP de Xove o cumprimento dos acordos plenarios sobre a colocación da propaganda electoral

carteis-xoveMarco López, candidato do BNG-Asembleas Abertas á alcaldía de Xove, manifestou onte que “a pegada indiscriminada de carteis en cada proceso electoral dá mala imaxe no noso concello”. Por esta razón, o portavoz nacionalista lembrou a aprobación por unanimidade na cámara municipal dunha moción do seu grupo, debatida no pleno celebrado o 17/10/2011, que “foi respectada por todos os grupos políticos e en todas as convocatorias electorais até o de agora”. Desde o Bloque xovense amosáronse desconcertados pola actitude do PP “por seren incapaces de cumprir as normas aprobadas por eles mesmos” e advertiron que unha medida exemplarizante coma esta “vén de ser eliminada unilateralmente polos populares á primeira de cambio”. Marco López preguntouse se “este é o mellor exemplo que deben dar as institucións públicas á cidadanía” e preguntouse “de que maneira pode unha administración esixirlle o cumprimento das normas aos veciños se o Goberno local despreza os seus propios regulamentos municipais”.

O candidato á alcaldía polo BNG entende que a irresponsabilidade do PP local provoca que, elección tras elección, “os carteis electorais se manteñan varios meses, e incluso anos, pegados nos muros e valados”. Iso, segundo o voceiro do BNG, responde a un “modelo obsoleto” de ausencia de compromiso cos valores medioambientais e estéticos “que non pode ter cabida no noso municipio”, e invitou ao PP a cumprir as súas propias normas colocando a propaganda electoral nos lugares debidamente indicados e sinalizados polo Goberno municipal.

Marco López manifestou que no Bloque xovense “estamos comprometidos cos valores medioambientais e estéticos” e sinalou tamén que “igual que os colocaron, pensamos que é de xustiza retiralos”. Nesta mesma liña, dixo que a iniciativa aprobada no pleno tiña o obxectivo de evitar a “pegada indiscriminada” de carteis e facer de Xove un “concello modelo” co apoio de todos os grupos políticos. O portavoz nacionalista insistiu no respecto ao acordo plenario do 17/10/2011 e recalcou que, así, “daremos unha imaxe moderna e civilizada, o que contribuirá a facer de Xove un municipio atractivo e coidadoso co noso entorno”.

Exit mobile version