Site icon Crónica3.com A Mariña

O 30 de maio, sábado, dan comezo en Ribadeo os fins de semana tecnolóxicos organizados por APAGA

Ribadeo, 26 de maio de 2015.- Este sábado, 30 de maio, dan comezo en Ribadeo os fins de semana tecnolóxicos, que organiza Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia). Durante 8 horas técnicos, alumnos e profesores de automoción recibirán formación sobre a reprogramación de centralitas. Trátase dunha nova actividade formativa para realizar durante varios sábados ao ano. A seguinte será o 4 de xullo. A inscrición para o segundo fin de semana tecnolóxico está aberta. Estas actividades desenvolveranse no hotel O Cabazo, de Ribadeo.

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, explicou que “este proxecto nace polas peticións do sector empresarial da automoción e tamén do profesorado no ensino. É unha nova experiencia, un novo formato, no que os sábados durante 8 horas aproximadamente se pretende abordar temas moi específicos, moi de actualidade no automóbil. Ten tamén unha parte lúdica, pois inclúe un paquete de actividades que acompañan a esta parte formativa, cunha oferta hostaleira”.

A primeira xornada desta actividade vai ser este vindeiro sábado, día 30, e estará dedicada ás centrais electrónicas. “Neste momento xa está cerrado a inscrición, que é moi reducida, pois son 12 participantes como máximo”, dixo o ribadense Doural.

Está aberto xa o prazo de inscrición para outro curso igual, que terá lugar o día 4 de xullo e para o que neste momento aínda quedan prazas. Debido ao gran número de peticións recibidas Apaga organiza esta segunda xornada de actividades dedicada ao mesmo tema.

O presidente de Apaga indicou que “o que se pretende é ir facendo estas actividades cada mes ou cada 2 meses, dependendo da temática, da dispoñibilidade do poñente, porque moitas veces é difícil atopar á persoa axeitada para facer este tipo de actividades”.

Para setembro está previsto outro fin de semana tecnolóxico, posiblemente cun curso de manexo de osciloscopio, “e a continuación remataremos con un ou dous máis neste 2015 para despois empezar o 2016. O que se pretende é facer unha actividade de moita calidade, moi ben planificada, traer un bo poñente, unha persoa que realmente veña aportar moitas cousas, porque despois de estar o sábado durante 8 horas á xente que participe lle supoña un valor engadido”.

Álvaro Doural engadiu que “neste primeiro curso participará xente de Pontevedra, de Coruña, de Lugo e de Ribadeo. Esta iniciativa está aberta a alumnos de Formación Profesional, a traballadores de empresas do automóbil e a profesorado. A xente que queira informarse máis desta actividade no hotel O Cabazo, de Ribadeo, que é a sede destes cursos, hai unhas fichas nas que se poden deixar os datos e nós poñémonos en contacto cos interesados. Tamén a través da nosa páxina web: www.apaga.es pódese acceder á información sobre todas estas actividades que fagamos”.

Exit mobile version