Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG alerta do peche de camas no Hospital da Costa durante o verán, “precisamente cando máis poboación hai na comarca da Mariña”

IMG_9108A Mariña, 30 de maio 2015.- O Bloque Nacionalista Galego considera “unha irresponsabilidade” e “unha nova tomadura de pelo do Partido Popular aos cidadáns e cidadás da comarca da Mariña” o peche de camas no Hospital da Costa durante os meses de verán, por ser precisamente esta “a época na que máis poboación hai na comarca da Mariña” e esixe á Xunta “que adopte as medidas necesarias para garantir que o Hospital de Burela funcione a pleno rendemento durante os meses de xullo, agosto e setembro”.

A responsable comarcal do Bloque, Ana Ermida, denuncia que o Hospital de Burela funcionará “a medio gas” nos vindeiros meses e alerta de que isto vai repercutir “no empeoramento da atención sanitaria á cidadanía e no aumento das listas de espera”. Os nacionalistas denuncian que o Sergas non contratará persoal para cubrir as vacacións dos médicos e do persoal sanitario do hospital, polo que “moitos servizos só poderán atender as urxencias e deixarán de recibir pacientes e atender consultas, o que aumentará as listas de espera, que xa hoxe son moi elevadas para determinadas especialidades ou probas diagnósticas”.

Ana Ermida argumenta que “a xente non escolle o mes para enfermar” e di que “o Hospital de Burela ten que estar preparado e plenamente operativo para atender a toda a poboación, tanto aos habitantes da comarca da Mariña como a toda a xente que ven pasar as súas vacacións á comarca nestes meses”.

Para a responsable comarcal do Bloque, “esta é unha mostra máis do desprezo da Xunta de Feijóo pola comarca da Mariña” e acusa ao presidente da Xunta de “faltar ao respecto aos habitantes da Mariña por anunciar a bombo e platillo na campaña electoral a ampliación do Hospital da Costa e unha vez que xa pasaron as eleccións reducir os servizos que presta o Hospital de Burela á poboación e empeorar unha vez máis a calidade asistencial na Mariña”.

“Coa saúde da xente non se xoga”
A responsable do Bloque na comarca acusa tamén “aos alcaldes, deputados e responsables do Partido Popular na Mariña” de ser “cómplices” dos recortes sanitarios de Feijóo. “Balseiro e os alcaldes do PP da Mariña venden á comarca diante de Feijóo”, afirma Ana Ermida, que lembra que “os cidadáns e cidadás da Mariña xa castigaron o 24 de maio nas urnas esta actitude do PP, que perdeu na comarca o 28% dos votos”. “Un de cada catro mariñáns e mariñás que votaran hai catro anos ao Partido Popular retiráronlle o seu apoio”, resume Ana Ermida.

Pola contra, a responsable comarcal do BNG insiste en que “para o Bloque a sanidade é o primeiro” porque “coa saúde da xente non se xoga” e reitera que “tal como xa anunciamos na campaña electoral, a defensa da sanidade pública, do Hospital da Costa e do dereito dos veciños e veciñas da Mariña a contar con servizos médicos de calidade tanto no hospital como nos centros de saúde da comarca será unha prioridade para o BNG nestes catro anos”. E anuncia que o 40concelleiros e concelleiras que obtivo o BNG na comarca da Mariña o pasado domingo non permitirán “ningún recorte máis nos servizos públicos e no benestar social da pobiación”.

Exit mobile version